La Cubana trae seis sesións do funeral máis divertido ao Teatro Afundación
A aclamada compañía catalá de teatro La Cubana trae a Vigo a obra Adiós Arturo, e ademais por partida séxtuple: unha sesión o xoves, dúas o venres, dúas o sábado e unha máis o domingo. A representación é unha homenaxe póstuma ao multidiscilplinar artista vigués Arturo Cirera, que en lugar dun funeral quería unha festa. Pois aquí a ten.
Esta mañá atopamos o teatro Afundación invadido por loros xigantes, e incluso un de verdade (este xa dun tamaño normal). O que podería parecer a sinopse dun filme de serie B era a presentación de Adiós Arturo, a última obra da compañía catalana La Cubana. E por que tanto loro? Porque Ernesto, o paxaro de verdade, foi a mascota durante catro décadas de Arturo Cirera Mompou, a persoa que inspirou todo este rebumbio.
Arturo Cirera naceu en Vigo hai 101 anos e sempre foi un espírito libre. Solteiro, ateo e de ideas liberais, a súa única descendencia foi o seu loro Arturo, protagonista indirecto da obra. Entre as artes que cultivou destacan a pintura, a escritura, a escultura, a composición musical, a dramaturxia ou a interpretación, o que lle valeu para ser catalogado como o artista multidisciplinar que máis aportou á cultura Europea despois da 2ª Guerra Mundial.
Volvendo á obra, poucas veces a coletilla “máis do mesmo” pode ser positiva, pero no caso de La Cubana, é así. Iso quere dicir que atoparemos música, baile, diversión, participación do público, cores, loucura, risos, disfraces e decenas de personaxes. Se nunha das súas anteriores obras, Campanadas de Boda, abordaban o tema do casamento, neste caso tócalle o caso contrario, a morte. Pero este non é un funeral calquera, é unha festa, como así o quixo Arturo. Jordi Milán, director do espectáculo, comentou que “como ningunha funeraria quería facerse cargo do enterro, propuxéronolo a nós”.
Adiós Arturo non deixa de ser outra excusa máis de La Cubana para facer o que máis lles gusta, falar de teatro. Trátase dun canto á vida e de como vivila intensamente, como ben fixo o seu ausente protagonista. Sendo coherente coa súa filosofía de que “as cousas boas hai que rematalas onde comezaron”, Arturo quixo que este acto especial de despedida fose en Vigo, no teatro Afundación, polo que el sentía un gran agarimo.
A representación contará con seis pases: o xoves ás 21:00, o venres ás 18:00 e 22:00, o sábado ás 18:00 e 22:00 e o domingo ás18:30. Podes mercar as entradas desde 28€ premendo nesta ligazón.