CAMELIAS MASCOTAS

Volve a música en directo a La casa de arriba

La casa de arriba acolle hoxe, venres 5 de xuño, un concerto do pianista e ‘artista cosmodisciplinar’ Velpister, convertíndose así nun dos primeiros locais da cidade en retomar a programación de música en vivo.

O coñecido bar da Rúa Martín Códax anunciou onte nas súas redes sociais unha esperada noticia: a volta da música en vivo á súa planta de arriba. Este primeiro contacto correrá por conta do pianista Velpister, coñecido pola súa versatilidade enriba dos escenarios como pianista, contacontos e pintor, por separado e todo xunto no que el mesmo deu en chamar un musicoplastidrama. Velpister é un recoñecido pianista en Vigo e a súa contorna, concertista solista e acompañante desde 1997. Durante eses anos realizou unha intensa actividade artística e cultural acompañando a poetas nos seus recitais, tocando pezas do repertorio clásico e outras compostas por el mesmo e decorando os escenarios coas súas creacións pictóricas, outra das súas habilidades. Ademais, foi profesor de piano nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo, así como no Superior de Vigo.

Este non será o único venres que poidamos ver a Velpister, pois La casa de arriba anuncia que o seu ‘piano salvaxe’ voltará cada venres, cun dobre pase ás 20 h e ás 21 h e o pago mediante caixa inversa, isto é, cada un paga á saída segundo a súa capacidade e grado de satisfacción. O local tamén anuncia que as funcións terán un aforo limitado a 15 persoas, que se cubrirá por orde de chegada, cumprindo así coas medidas sanitarias da desescalada.