VIALIA
bannerPicnicSesions

Volve a música en directo ás salas de concertos

Semellaba que este día nunca chegaría, pero as salas de Vigo por fin volven a programar concertos. Timidamente, con restricións, pero pouco a pouco vai volvendo á normalidade un dos sectores máis castigados pola Covid-19. Vémonos nas salas!

REVISTA ABRIL
Concerto dos Banditos na Sala Rouge en 2018 | P. Vázquez

Por fin parece que comezamos a ver a luz ao final do túnel. As salas de concertos, espazos básicos á hora de impulsar a música local e manter unha escena cultural saudable, están de volta. Non todas e non como nos gustaría, pero se facemos as cousas ben e con cautela axiña todo ira mellor. No Protocolo para a reactivación do lecer nocturno publicado pola Conselleria de Sanidade veñen recollidas as seguintes medidas:

  • A distribución do aforo será homoxénea entre diferentes estancias e andares se existen, respectando ademais os límites nas agrupacións de persoas e a separación de seguridade de polo menos 1,5 metros.
  • O número de persoas no interior do establecemento non poderá superar o 50 % da súa capacidade. Nas terrazas ao aire libre destes establecementos poderán ocuparse ao 100 % as mesas permitidas
  • Non se permite o consumo na barra, aínda que si o servizo aos clientes a través da mesma, respectando as distancias de seguridade e impedindo a formación de aglomeracións.
  • O horario máximo de peche dos establecementos de lecer nocturno será ás 03:00 h.
  • O uso de máscara será obrigatorio en todo momento.
  • Co fin de posibilitar o seguimento de posibles contactos, os establecementos deberán levar un rexistro para permitir que os clientes poidan achegar os datos de identificación e contacto para facilitar a súa localización polas autoridades sanitarias.

Polo tanto, xa non é obrigatorio ver os concertos sentado nunha cadeira como ata agora, unha nova que os máis bailongos celebrarán por todo o alto.

En canto ás salas viguesas, algunhas xa adiantaron a súa programación para os próximos días e semanas. A Kominksy, por exemplo, compartiu nas súas redes todas as actuacións do mes, nas que atopamos a Cloaca, Pálida ou a Jam vocal para pechar o mes. La Fábrica de Chocolate volve o sábado 11 cun dobre concerto: Kings of the Beach e os portugueses El Señor. A Doppler continúa coas súas pinchadas, neste caso o venres 3 con Sapoconcho Sem Poncho. Radar Estudios xa gozou dun concerto o pasado venres coa actuación dos vigueses Mundo Prestigio, mais aínda non confirmou máis concertos proximamente. O mesmo que a Iguana Club, que polo momento ten pensado volver a programar música en directo a partir de outubro. Ambas salas, Radar e Iguana, albergarán potentes concertos organizados por SON Estrella Galicia nos próximos meses, como os de Squid, Nuria Graham, Bombino, Black Lips, Gruff Rhyss, Metz, Psychic Graveyard ou Porridge Radio. A Sala Rebullón foi a única que continuou coa súa programación nos últimos meses, polo que de seguro nas próximas semanas seguirán ofrecendo concertos como ata agora. O 2 de outubro, por exemplo, está programado un concerto do ciclo Máis que Blues de Luke Winslow King e Roberto Luti.