Katerina Linke: «O galego é unha lingua moi musical»

[Esta entrevista foi publicada na reportaxe Á reconquista da lingua, da revista de Maio do 2019. Pincha aquí para volver ao artigo principal]
Esta petersburguesa é unha pianista e compositora que leva afincada en Vigo desde hai case dez anos. Xunto con Su Garrido Pombo e Susanna Blanco forma Son Trío, un grupo nado en 2017 a raíz dun concurso no que musican poemas de grandes nomes da literatura galegas como Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro.
Cal foi o primeiro nome da literatura galega que descubriches?
Creo que foi Rosalía de Castro. O proxecto de Son Trío naceu porque un día atopei no xornal un concurso do Concello de Vigo, Musicando a Rosalía, que desgraciadamente só se fixo aquel ano. Ao ler a obra completa da autora, gustáronme moitísimos poemas. Escollín un, compuxen a música e gañamos o concurso. Despois decidín continuar cun ciclo de poemas de Rosalía musicados por min, e así naceu o proxecto Miña almiña.
Non tiveches ningún problema para entender o galego?
Non, sempre entendín ben o galego, só me custa un pouco falalo. Como traballei en Portugal, tiven que aprender portugués. Esta mestura entre galego, portugués e español armou na miña cabeza unha lea tremenda. Falo en galego desde hai uns meses, porque me estou a preparar para unhas oposicións. Fun a clases hai dous anos, para preparar as probas Celga 3 e 4. Fixen os exames, pero non os aprobei, son incriblemente difíciles.
Por que te decidiches a aprender a falar en galego?
Primeiro porque con Son Trío fago concertos, no escenario ten sentido falar en galego. Despois gustoume moito, porque é unha lingua moi musical. Relaciónase co español como se relaciona o ruso co ucraíno, que se parecen, pero o ucraíno é máis musical e agarimoso.
Foi doado musicar poemas de Rosalía?
Algúns temas saíronme dun xeito case instantáneo. Con outros poemas tiven que pensar un pouco máis, tivemos que cambiar cousas ao ensaiar. Pero a maioría xurdiron naturalmente.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Non é cidade para bibliotecas - 25 Marzo, 2025
- Sacar a lingua de viaxe - 24 Marzo, 2025
- Que queres que se faga no Teatro Cine Fraga? Estas son as peticións máis repetidas - 19 Marzo, 2025
- ACT Galicia, a canteira de intérpretes do noso audiovisual - 11 Marzo, 2025
- Novidades musicais viguesas do primeiro trimestre de 2025 - 7 Marzo, 2025