Jorge Ponce: “Alédame que a xente cambiase a súa opinión respecto a min”
De bolseiro de produción en Caiga Quien Caiga a subdirector e peza clave do programa revelación dos últimos anos, La Resistencia. Tras unha década con roles secundarios en televisión e sen o beneplácito total por parte do público, Jorge Ponce é na actualidade un dos cómicos nacionais máis en forma, sorprendendo diariamente coas súas intervencións no programa de Movistar #0. Desde fai un tempo tamén o consegue nos teatros con Hard Party 2, un show de monólogos con Iggy Rubín e Antonio Castelo, que chega a Vigo este venres 24 ao Teatro Afundación.
Hard Party véndese como un espectáculo de humor salvaxe e sen filtros, pero tampouco dá a sensación de que te cortes moito en La Resistencia. Que diferenzas podemos atopar?
Un é un programa de televisión e o outro un show de stand up, no que hai monólogos de Iggy, Castelo e meus. O que teñen en común é a participación co público. Temos tres bloques no show no que escoitamos e xogamos co público. Cada vez nos decatamos de que por moito que os monólogos funcionen (Iggy ten un dos mellores stand up de España), o público agradece moito os momentos nos que os trolleamos e estamos con eles.
Pasaches de colaborar en Zapeando, programa cun humor bastante branco, a Loco Mundo ou La Resistencia, onde sempre xogades ao límite. Imaxino que te atopas máis cómodo nestes últimos.
Si… home, obviamente nestes últimos. De feito, e con todo o respecto aos meus compañeiros de Zapeando, onde sempre me trataron moi ben, estes dous que mencionas son programas libres de contexto. Zapeando é un programa máis ríxido no que unha produtora colle a xente que mola e a poñen a ler mirando a cámara uns guións que escribiron outras persoas. Hai que facelo ben, e niso os de Zapeando son uns xenios. En Loco Mundo por exemplo si que levaba un guión máis pechado, pero a miña peza a facía eu mesmo. En La Resistencia, ademais de que o que contamos é bastante propio, facémolo sen ler o teleprompter. Paréceme un gran acerto para a comedia, e penso que debería estenderse. Temos asumida esa cousa artificial da televisión porque sempre foi así, pero podes conseguir que a comedia sexa algo moito máis natural. Teño que recoñecer que me sinto máis cómodo co humor negro e macabro, aínda que hai humor branco e conceptual boísimo.
Ultimamente varios compañeiros teus víronse envoltos en polémicas bastante soadas. Isto fai que te penses un pouco máis as cousas antes de dicilas?
Remítome a algo que xa dixen Hai un tempo noutra entrevista: como non sabes por onde te vai chegar, estou tranquilo. Sempre houbo problemas neste sentido, pero agora máis: de tipo legal, presión popular a través de redes ou prensa… A maioría dos meus compañeiros cando estaban a facer o chiste non sabían que ían ter un problema. Son moitos os factores que, sacando de contexto o chiste, poden traerche problemas. O humor baséase no contexto, como dicía George Carlin. Un chiste que se fai nun programa á unha e media da mañá para un público novo non debería saír ao día seguinte na portada dun xornal. Isto é o que provoca este tipo de persecucións.
Algunha vez te autocensuraches?
Todos nos autocensuramos. Hai chistes que teñen a súa gracia pero que non os vemos tan bos como para meternos nun lío. Eu é o que fago: se me namoro dun chiste e me parece a puta hostia o máis seguro e que o meta. Só me arrisco cos que paga a pena contar.
Non sei se estarás de acordo comigo, pero dáme a sensación de que nos últimos anos houbo un cambio enorme entre o público á hora de valorarte. Que cres que cambiou?
Estou tan de acordo como que o noto cuantitativa e cualitativamente. Estou bastante de acordo co público, eu mellorei, estou facendo cousas nas que creo e que son máis miñas, meu propio humor. Isto é un círculo vicioso, ou virtuoso: cando a xente comeza a confiar en ti atréveste a facer cousas aínda máis tolas ou máis propias porque sabes que o público está predisposto. Eu comecei na tele moi de golpe: sentándome ao carón de Buenafuente e Berto. Foi unha das maiores loucuras que se fixeron en televisión. Andreu fíxoo coa mellor intención pero iso era unha puta loucura. Eu era un rapaz que non fixera nada de tele. Non era o meu formato, tiña menos confianza, a cadea metía moito a man e eu non tiña experiencia. Eses son os meus inicios. Gozo moito co que fago agora e alédame que a xente cambiase a súa opinión respecto a min.
Ademais de colaborador e guionista, es subdirector da Resistencia. Esperabas o éxito que está a ter?
Se che digo a verdade, non, tanto non. Sabía que sairía un bo programa, pero non con tanto éxito. Viñamos de facer Loco Mundo, que é moi bo programa, pero que convivía co fenómeno de masas que é La Vida Moderna. Eu con Loco Mundo notaba que era “a outra cousa un pouco menos molona” na que saía Broncano. E pensaba que La Resistencia ía ser un pouco o mesmo. De súpeto, aproveitando o bo momento de David e de todos, intentamos desfacer todas as barreiras da tele, e ese é o maior éxito do programa: as cousas non teñen que ser así porque sempre foran dese xeito. Nós facemos literalmente o que nos sae dos ovos e a cadea déixanos facer practicamente o que queiramos. Agora que xa vamos na segunda tempada noto un peso… unha loucura.
Comentabas que o teu sempre foi o cinema e o guion cinematográfico. Veste nun futuro deixando a comedia para dar o salto ao cinema?
Eu veño de estudar guión e gústame moitísimo o cine, aínda que no último ano e medio, coincidindo co nacemento da miña filla, non vexo unha puta peli nin unha serie. Eu teño unha espina cravada: quero escribir unha longa algunha vez na miña vida. Xusto agora non é o momento. Teño un par de ideas que creo que poden estar ben, pero ata que pase este momento tan doce e á vez con tanto traballo non vai ser posible. En todo caso, non creo que vaia a deixalo, espero que simplemente sexa tomarme un descanso da tele e aproveitar para escribir algo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024