Rocío Portal (Nutricionista): «Acepto e respecto a diversidade corporal e rexeito que se etiqueten como enfermas persoas por só considerar o peso»

Tras o seu paso polo sector farmacéutico, Rocío somerxeuse no mundo da nutrición e a dietética para constatar que o método tradicional non funcionaba como debería. As pacientes (sobre o 75% do total son mulleres) non conseguían manter as dietas moito tempo e outras, a pesar de ter bos hábitos, non conseguían o peso desexado. Nos casos máis extremos, determinadas recomendacións sobre dietas e estilos de vida derivaban en trastornos de conduta alimentaria (TCA).

Rocío foi así combinando conceptos como o da cultura da dieta, a gordofobia ou a diversidade corporal coa realidade de que persoas de todas as tallas podían presentar perfís saudables, saíndose deses patróns establecidos e arcaicos. Apareceu así o seu enfoque da nutrición: un xeito compasivo, amable e respectuoso coa persoa e o corpo que habita e un lema claro: non hai corpos mellores ca outros.

Na metodoloxía das consultas de Rocío chaman a atención dúas premisas: por regra xeral non se usa a báscula e non se ten en conta o índice de masa corporal (IMC). Para xustificar a primeira, explícanos que o peso non sempre é un indicador de evolución válido ou decisivo e que en moitas ocasións pode xerar obsesión e unha desconexión coas sensacións de fame e saciedade, básicas para unha relación sa entre corpo e alimento. No que respecta ao IMC; a súa opinión é compartida por cada máis vez máis especialistas en nutrición: este parámetro foi establecido hai moitos anos cunha finalidade que nada tiña que ver coa saúde e que non tiña en conta factores tan importantes como a raza, o sexo, a xenética ou o contexto económico e social da paciente. Rocío é categórica a este respecto; considera indispensable que se deixe de etiquetar as persoas como enfermas ou sas polo seu peso.

A pesar de estar centrada na rama da nutrición, como profesional destaca a importancia da relación entre alimento e emocións, é dicir, no aspecto psicolóxico. Tal e como ela di, «as túas emocións poden influír en como comes e viceversa». Por iso cre firmemente na utilidade da alimentación intuitiva para persoas que teñen unha mala relación coa comida despois de varios fracasos con dietas estándar.

Como exemplos para reforzar o traballo individual de reconexión co noso corpo, Rocío destaca a importancia de que debería haber máis representación de diversidade corporal nos medios, no ámbito empresarial ou na publicidade, mentres que a nivel persoal é primordial que se deixen de emitir xuízos sobre os corpos, sobre todo dos que non nos pertencen.

Urzáiz, 31 – 3ºA | info@rocioportalnutricion.com / 663 778 558 / @portal_nutricion

REVISTA VERAN

Noelia Álvarez
Redactora