CAMELIAS MASCOTAS

Joe Crepúsculo: “Gústame Bob Dylan aínda que a miña música non soe nada a iso”

Electrónica, pop, cumbia, salsa, trap, bacallau, indie, tecno, house, flamenco… todas estas etiquetas valen para definir á obra do poliédrico Joe Crepúsculo. Artista incansable, ten percorrido centos de salas e festivais coa súa fábrica de baile nestes 10 anos de traxectoria en solitario. Este venres 22 volve a Vigo, máis concretamente ao Sinatra Coctel Bar. Podes mercar aquí as entradas. 

Joe Crepúsculo nunha sala Radar abarrotada o pasado mes de outubro | Pablo V.

Estiveches en outubro do ano pasado no III Aniversario da Sala Radar e este venres estarás no Sinatra. Que ten Vigo para que volvas tan pronto?

Pois non o sei, a verdade. Saiu así e eu encantadísimo porque a vez anterior foi moi guai e encheuse a sala. Estou moi contento de volver.

Onde cres que encaixa mellor a túa música, en salas de aforamento reducido como estas ou en festivais?

Cada sitio ten o seu aquel. Gústanme moito as salas pequenas porque tes á xente moi preto, pero tamén me gusta tocar diante de moitas persoas. Está moi ben poder facer nun mesmo ano os dous tipos de concertos.

Fai uns meses fuches entrevistado por David Broncano e fai uns anos polos Venga Monjas. Es seguidor destes cómicos?

Cando me entrevistaron os Venga Monjas si que os coñecía, pero a David Broncano non moito. Despois flipei con toda a xente que vía o programa. A partir daquela si que o sigo.

Entón fuches ao seu programa sen saber moi ben ao que ibas?

A verdade é que si. Non sabía moi ben de que iba. Avisáronme de que tiña que dicir o que cobraba e todo iso, pero non tiña moita idea. Atopeimo de golpe.

Nas túas letras tamén atopamos moito sentido do humor. Interésache o mundo da comedia?

Eu sempre pensei que a música que un fai ten que reflectir como es, e eu son unha persoa con sentido do humor e me gusta que estea presente na miña música. Gústame que non se saiba se é serio ou non.

Dicías nunha entrevista que o máis fácil para definir o teu estilo era dicir que facías pop, para non confundir á xente. Segues utilizando este truco?

En realidade a música é pop: hai estrofas, retrousos, son tarareables… Despois poder poñerlles o verniz de música electrónica, rumbeiro, latino… pero ao final son pop. As cancións que eu fago tenden a un sentido popular, polo que si que me definiría como un artista pop.

Realmente existen poucos artistas a nivel nacional cunha proposta tan variada e ecléctica como a túa. Que artistas son os que máis che influiron?

Non sei que dicir. Gústame moito a música dos anos 70. Gústame Bob Dylan, Fleetwood Mac… pero a miña música non soa nada a iso. É unha mestura de cousas. En cada disco tratei de soar diferente, non só polo feito en si, senón para non aburrirme.

Que escoitabas cando comezaches na música?

Eu escoito de todo, non hai unha cousa que me influenciase en especial. Escoito desde música clásica a rancheiras.

Unha amiga díxome unha vez que dá igual a hora á que toques ou o cansa que estea, que sempre que te ve en directo é imposible non bailar. Como consegues este efecto no teu público?

Imaxino que será porque teño cancións que invitan a iso. Que digan iso paréceme fantástico. As cancións dos meus directos teñen un formato bastante bailable e ao ter 10 discos teño bastante onde escoller.

Xa que mencionas os dez discos, moi poucos artistas poden dicir que levan tantos discos como anos de traxectoria, no teu caso en solitario. Como mantés este ritmo compositivo?

Pois traballando moito. Tocando nas fins de semana e pola semana gravando e con ganas de facer cousas novas.

Tes pensado manter este ritmo no futuro?

Non o sei, igual si, igual non. De momento vou sacando cancións. Non é algo que me plantexase, saíu así. Igual agora baixo un pouco, non o sei.

A túa labor compositiva baséase máis no traballo diario que na inspiración. 

Si. Ao principio as cancións saían todas boas. Agora teño que facer máis para que saia unha que me guste. Eso tamén significa que me esixo máis. Agora que teño a capacidade de chegar a máis persoas son un pouco máis esixente. Pero ao final todo ten moito traballo demais.

Foi sinxelo resumir a túa carreira en 20 cancións para o teu último disco?

Foi complicado deixar moitas cancións fóra, tamén o foi escoller unha orde. O fixen pensando en moitos parámetros e pensando en que fose un disco escoitable para alguén que non soubese nada da miña música. Sei que hai discos que non aparecen, pero creo que é un bo álbum para introducirse no meu mundo musical. E sobre se paga a pena facer un recopiltorio hoxe en día teño Spotify, eu creo que si. Porque Spotify fai a súa recopilación e eu propoño outra que creo que é máis interesante.

Fixeches ti só a selección ou pediches axuda para ter unha segunda opinión?

REVISTA NOVEMBRO

Pedín consello cando non o tiña claro, pero a decisión final era miña.

En La Resistencia foi unha das poucas veces que puidemos verte na televisión. Non es moi amigo das entrevistas?

Tampouco é que sexa un artista moi coñecido. Se me chaman eu digo que si, pero imaxino que terán xente máis famosa e máis importante para levar.

(GMT+01:00) Sinatra Coctel Bar

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.