CAMELIAS MASCOTAS

Javier Teniente, fotografía documental á vella usanza

Este xoves 17 inaugurouse na Casa das Artes Unha xeografía atormentada, unha compilación de 178 imaxes do fotógrafo vigués Javier Teniente. Una mostra que nos fai viaxar por todo o mundo e vivir, desde o ollo privilexiado do autor, moitas das desgrazas que asolaron o mundo nos últimos 25 anos. Unha mirada dura, honesta, pero tamén fermosa. Está dispoñible ata o 5 de setembro.

REVISTA NOVEMBRO

Os amantes da fotografía xa están tardando en acudir en masa á Casa das Artes (Rúa Policarpo Sanz, 15), onde poden gozar na súa planta baixa da exposición Unha xeografía atormentada, do vigués Javier Teniente. Un fotógrafo documental dos de antes, da vella escola, cuxas imaxes desprenden unha enorme honestidade e forza visual á altura de moi poucos. Unha mostra de talla mundial que nos leva da man polas desgrazas que sufriron os habitantes de países tan dispares como Honduras, Iraq, Senegal, Haití, Timor, India ou Kosovo. Guerras, furacáns, terremotos, tsunamis, éxodos… todo retratado cunha crueza que impacta.

Máis de 20 anos despois, Teniente volve a expoñer na Casa das Artes, onde no ano 2000 presentou Emergencias humanitarias, unha mostra que máis tarde viaxou por Londres, Roma, Madrid, París e Atenas. Neste novo proxecto non só atopamos imaxes tomadas en lugares remotos, senón tamén de persoas sen teito en Vigo, mineiros en León ou inmigrantes africanos nos invernadoiros de Murcia.

No seu texto sobre a exposición, o comisario Jorge Lens recalca “o compromiso da mirada” de Teniente, un trotamundos incansable en busca da imaxe perfecta. O seu traballo resulta dun valor incalculable como depósito dos rostros e das paisaxes deste mundo problemático que tan ben coñece o fotógrafo olívico , que deu os seus primeiros pasos en Atlántico Diario e Faro de Vigo. Lens incide tamén na inexistencia “dunha mirada folclórica da pobreza” nas súas imaxes, algo de suma importancia á hora de plasmar sobre o carrete (ou en dixital) o dor da xente. Unha xeografía atormentada é unha oportunidade idónea para descubrir o universo de Teniente nestes últimos 25 anos. Iso si, o fotógrafo non o quere considerar unha retrospectiva, pois espera seguir capturando moitos máis momentos únicos nas próximas décadas.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.