VIALIA
bannerPicnicSesions

Javier Teniente: «Foi un gran erro intentar de ocultar a morte durante a pandemia»

A cámara de Javier Teniente (Vigo, 1968) retratou algúns dos conflitos máis significativos dos últimos vinte anos. Agora podemos achegarnos a eles a través da xanela que nos abre en Xeografías atormentadas, a mostra que se pode visitar na Casa das Artes ata o 5 de setembro. O fotógrafo advirte que non se trata dunha retrospectiva; pois a pesar das dificultades e as paradas necesarias para oxixenarse, non se cansa de seguir viaxando para dar a coñecer todos eses lugares que viven na traxedia continúa. Quedamos na praza da Constitución e, nada máis chegar, confésame que despois de moito tempo acaba de baixar pola rúa de Abeleira Menéndez, onde ata non hai moito, e durante un lustro, rexentaba unha galería de arte.

Foto: P. Vázquez

Como chegaches ao mundo da fotografía?

Eu saía moito ao monte cun grupo de amigos para facer escalada, e chegou un punto en que o meu compañeiro de cordada me dixo que eu tiña que aprender a facer fotos, porque sempre as sacaba el e nunca aparecía nelas. Ensinoume as catro cousas básicas e ese foi o meu inicio. Antes diso nunca collera unha cámara. Dei os primeiros pasos durante aquel verán e en setembro decidín ampliar os coñecementos da materia formándome nunha academia. A pouco máis dun ano, estaba traballando como fotógrafo de prensa.

Dun ano para outro cambiaches de vida?

Totalmente. Daquela tiña 25 anos e un estilo de vida bastante conformado, con coche propio, traballando nunha empresa familiar que ía moi ben… Foi un cambio radical. Aos dous anos de descubrir a fotografía xa me quería dedicar a isto. Presentei un cartafol en Atlántico Diario e colléronme, despois estiven en Faro de Vigo e xa non parei.

E tiñas claro que te querías dedicar á fotografía documental?

Si, practicamente desde o inicio. Traballando na prensa sempre tiven a ilusión de viaxar e facer reportaxes fotográficas. Miraba revistas como Life ou National Geographic. Inspirábame xente como Sebastião Salgado ou William Eugene Smith.

Como foi a primeira viaxe que fixeches como profesional?

Traballando en Atlántico Diario, dediquei unhas vacacións a ir aos Azores coa cámara en busca dalgún rastro dos baleeiros. Pero a miña primeira viaxe de traballo oficial, cun contrato con Médicos Sen Fronteiras, levoume a Mauritania en 1998. Foi terrible, sobre todo pola falta de documentación; ademais de que eu non falaba francés. Quedaron de recollerme no aeroporto e alí non apareceu ninguén, saín fóra e estaba todo cheo de fogueiras e xente estraña. Pasei bastante medo. Tamén lembro que me detiveron á saída e que me querían requisar os carretes. Foi unha experiencia dura, pero o resultado foi bo. De feito, algunhas fotografías están agora na exposición da Casa das Artes.

Como é a chegada a lugares tan diferentes?

Unha das primeiras cousas que sigo facendo antes de cada viaxe é coller un atlas por fascículos ao que lle teño moito cariño e situar o país que vou visitar. Ver onde está, de que se rodea, trazar a ruta… A maioría das viaxes fíxenas en solitario ou na compaña de expertos. Con Médicos do Mundo viaxei con profesionais moi preparados que me abrían as portas de cada lugar. E cando vai un só é máis doado ter contacto coa xente, pois non te ven como unha ameaza. Eu viaxaba con moi poucos cartos, pero moito tempo, o que me permitía achegarme máis, entrar nas casas, comer e durmir nelas…

Vexo que evitas retratar cadáveres ou violencia explícita sen deixar de mostrar a traxedia. É intencionado, non?

Totalmente. Creo que hai máis traxedia nunha mirada que nun cadáver. As fotos explícitas non son o mellor camiño para chegar ao público. Fun dos primeiros en chegar a Haití en polo maremoto do 2010 e alí dei cun espectáculo dantesco: había miles de cadáveres por todas pas artes partes. Pasados uns días tiven que parar e reformular a maneira da que estaba a traballar, porque me dei conta de que estaba fotografando cadáveres, escenas moi duras, pero non estaba sendo capaz de contar unha historia. Recibín varios premios por ese traballo e o certo é que ao final apareceron retratados moi poucos mortos.

Tiveches algunha situación especialmente difícil?

No ano 2005 decidín parar. Estaba canso, pero tamén moi afectado. Un ano antes mataran ao reporteiro Ricardo Ortega cando estabamos traballando xuntos en Haití. Ese foi o detonante que me fixo parar, estaba superado por todas aquelas historias e precisaba un pouco de aire limpo. Desde entón, e ata o 2010, desenvolvín o proxecto «Fillos do océano», que foi unha bombona de osíxeno para min.

Foto: P. Vázquez

Por que é importante retratar as traxedias?

Alguén as ten que contar. Se xa son barbaridades tal e como as coñecemos, sobre todo cando se fala dos conflitos bélicos, imaxina como serían se non se retratasen. Penso que é importante que quede un documento para a posteridade, para que as xeracións vindeiras non cometan os mesmos erros. Un caso vergonzoso é como se tratou de ocultar a morte durante a pandemia que estamos a vivir, e estou falando de España. Creo que iso é un gran erro. A xente non tiña conciencia do que estaba a pasar precisamente porque non había fotos, non había imaxes que mostrasen a realidade. Non somos capaces de asimilar datos sen imaxes. Faime graza que agora lle dean o Premio Pulitzer a un fotógrafo español que nos primeiros momentos desta crise se tiña que coar polas ventás dos lugares para poder sacar as fotos. Imos en contra de nós mesmos, ocultamos o que acontece.

Non produce certo desanimo volver desas viaxes e ver que aquí segue a vida de costas a todo iso?

Ao primeiro tiña que ser insoportable aguantarme ao volver das viaxes, tanto para os meus colegas como para a familia. Primeiro porque viña tocado de ver aquelas historias e despois porque aquí todo era trivial, a xente seguía preocupándose polos pantalóns que ía comprar. Non hai por que renunciar ao confort que tempos, pero é importantísimo crear conciencia, saber o que está a pasar noutros lugares, non se debe dar as costas ao mundo, vivir na ignorancia e non ser capaz de ver un pouco máis alá das catro paredes que nos rodean.

Por que pechaches a galería de arte que tiñas na rúa de Abeleira Menéndez?

Eu quería facer un espazo onde programar actos culturais, pero tamén teño que dicir que foi un acto egoísta, porque eu vía a decadencia da prensa e andaba na busca de recursos. A idea era que eu entregaba o meu traballo á galería e que a cambio a galería xerase os recursos necesarios para eu seguir traballando, unha simbiose. Pero por desgraza a cousa non funcionou e tiven que pechala aos cinco anos. Fixemos cousas chulas nese tempo, a idea era convertela nun punto de encontro. Creo que esta cidade está chea de cultura, pero non hai moitos lugares onde mostrala e manifestala de cara aos demais.

Como naceu a iniciativa «O Vigo que sorrí», unha das exposicións a pé de rúa máis recordadas dos últimos anos?

Abrimos a galería en 2012, un ano totalmente depresivo. Eu andaba moito por Vigo e fixábame en que a xente camiñaba mirando o chan, cunha faciana moi triste, todo era moi gris. Chamábanme a atención que nos carteis publicitarios se mantiñan os sorrisos perfectos. Entón ocorréuseme facer uns carteis enormes cos sorrisos da xente que me rodeaba. O máis chulo desa exposición foi facer as fotos que a compuxeron. Pensaba que ía ser un traballo moi difícil e foi xusto ao revés, a xente brindoume a mellor cara. Tamén foi interesante instalala na rúa de Abeleira Menéndez, que foi un lugar moi maltratado durante moitos anos… Daquela parecía que se ía converter na zona de moda, todos os días viña xente a retratarse baixo os sorrisos.

E que pasa con esa rúa, que non acaba de converterse no punto de referencia que esperabamos?

Eu fixen todo o que puiden por esa rúa e pola zona vella en xeral, que é a parte da cidade coa que máis me identifico. Pero xa non sei que facer, creo que non está nas mans dos cidadáns solucionar iso. Vaise ter que traballar no asunto desde outros lugares.

Gustaríache ter retratado os inicios da pandemia?

REVISTA ABRIL

Si, pero o momento pilloume cunha filla acabada de nacer, vivindo no rural, apartado dos medios e non tiven tempo de engancharme. Non tiña sentido saír para que non me deixasen entrar en ningún lugar. Pero si que foi unha pena non facelo, porque é un feito que vai pasar á historia.

Tamara Novoa
Redactora xefa

Pablo Vázquez
Fotógrafo

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.