VIALIA
GIRANDO POR SALAS

Javier Jaén, Genie Espinosa, Mario Eskenazi ou Le Petit Patito forman parte do festival Creativa

Javier Jaén, Genie Espinosa, Javirroyo, Le Petit Patito ou Mario Eskenazi son algúns dos artistas confirmados para o festival Creativa, que celebra a súa terceira edición os días 25 e 26 de abril en varios espazos de Vigo.

Javier Jaén, Genie Espinosa e Mario Eskenazi

Hai eventos que chegan cun pan debaixo do brazo. É o caso do festival Creativa, que nas dúas primeiras edicións viviu un crecemento expoñencial, enchendo varios locais e organizando un mercado de autoedición e ilustración ao aire libre. Os días 25 e 26 de abril regresa a varios locais da cidade (un deles, a Galería Maraca) nunha terceira edición máis reducida en canto a duración pero igual (ou máis) ambiciosa que as anteriores.

O bo facer do estudio de deseño Chachachá, organizadores do festival de creatividade, foi recoñecido o pasado ano co Premio Paraugas ao Mellor evento cultural de Galicia. Ilustradores, artistas, creativos, músicos, deseñadores e creadores danse cita en Vigo en dúas xornadas do máis intensas, nas que volve o amentado Mercado gráfico e de autoedición con máis de corenta participantes, ademais de intervencións artísticas e música en directo. Exposicións, talleres, presentacións, proxeccións e charlas completan a variada proposta deste festival que aposta pola creación e a cultura contemporánea.

A Galería Maraca será un dos espazos principais do festival | P. Cermeño

Javier Jaén: Deseñador gráfico barcelonés coñecido internacionalmente pola súa capacidade para crear imaxes que invitan á reflexión e ao humor. O seu traballo caracterízase por unha linguaxe visual sinxela pero potente, chea de dobres sentidos e metáforas e colaborador habitual de medios como The New York Times, The New Yorker, Time, La Vanguardia, El País, etc.

Genie Espinosa: Unha das ilustradoras e autoras de cómics máis importantes do momento. Gañadora do premio Miguel Gallardo como autora revelación do 40 Salón do Cómic de Barcelona e do premio Ojo Crítico de RNE de cómic 2021, estará en Creativa cunha exposición do seu traballo que se caracteriza por un estilo vibrante e colorido, e a miúdo aborda temas relacionados coa diversidade.

Javirroyo: Un dos ilustradores e humoristas gráficos máis recoñecibles do país, cun traballo que se caracteriza por un estilo minimalista e un humor intelixente e a miúdo absurdo. As súas viñetas, que adoitan aparecer en prensa e redes sociais, exploran situacións cotiás e temas de actualidade cunha mirada crítica e divertida.

Le Petit Patito: Arquitecta e creadora de contido dixital que conquistou co seus máis de 100k de seguidores as redes sociais cun estilo único e o seu humor ácido. Coñecida pola súa irreverente crítica ao mundo inmobiliario.

Mario Eskenazi: Será sen dúbida un dos pratos fortes desta edición. Recoñecido como un dos grandes referentes do deseño gráfico en España e Premio Nacional de deseño. falará sobre o seu traballo que é sen dúbida historia do deseño mundial.

Brosmind: Son un estudio de ilustración con sede en Barcelona fundado polos irmáns Juan e Alejandro Mingarro. O seu traballo caracterízase por un estilo colorido, detallado e cheo de humor, que combina elementos da ilustración tradicional con técnicas dixitais. Traballaron en campañas para marcas como Nike, Honda, Microsoft ou Coca-Cola.

Up&Up: Este proxecto da madrileña Lucía Zapata é unha iniciativa que se centra en conectar persoas e lugares únicos a través da creatividade e a exploración. É un proxecto en liña internacional que alberga a máis de 100 artistas en 16 cidades de 14 países. Ser parte deste proxecto “Unique People & Unique Places” reflicte o enfoque en resaltar persoas e localizacións cun valor especial.

IseeFaces Studio: Son un dúo residente en Copenhague formado polo VJ Matei Petrescu e a deseñadora María Meiga. Encherán o escenario de Creativa con unhas intervencións visuais acompañando ao proxecto de música electrónica Belish.

Raquel Peláez: Presentará o seu libro Quiero y no puedo. Una historia de los pijos de España. O libro é unha radiografía do “pijo” en España, desde os señoritos do século XIX aos “cayetanos”, pasando pola “gauche divine” ou os “yeyé”. Descríbese como un ensaio revelador sobre un fenómeno que vai máis aló dun arquetipo e que agocha a verdadeira orixe da loita de clases na sociedade española.

Manu G.Sanz: Presentará o seu novo traballo musical, Flores y diosas. É un vello coñecido da escena underground galega con proxectos como Selvática ou Indómitos, e neste novo traballo somérxese en melodías pop preciosistas, con ecos de artistas como Love, Big Star e Nico.

Marinita y sus Maromas: Esta compañía de teatro travesti e cabaret presentará un dos seus espectáculos. Os seus shows caracterízanse por estar cheos de humor, música e unha estética que mestura elementos do cabaret clásico coa cultura drag.

REVISTA MARZO

Roberto Argüelles e Agustina Shuan: Son algúns dos ilustradores máis recoñecidos da escena galega. Grazas ao apoio da marca POSCA, realizarán unha intervención en directo no mercado gráfico.