CAMELIAS MASCOTAS

Jarri (Novedades Carminha): “O noso show é unha festa, a xente ten que sentir, bailar, frotarse e súar”

Se buscas en Youtube Verbena xa non aparecen en primeiro lugar as clásicas cancións de orquestra, senón un dos novos temas dos santiagueses Novedades Carminha, o grupo máis cachondo e festeiro saído da capital. Porque a súa é unha verbena 2.0, que mestura riffs e melodias propias do punk oitenteiro con ritmos e técnicas máis novidosas e actuais. Falamos con Adrián Díaz, Jarri, baixista da agrupación e un dos fundadores desta banda que de seguro nos fará bailar nesta edición do festival Vive Nigrán.

Jarry, no centro da imaxe, con cazadora verde | Pablo Curto

Cada novo disco voso afástase máis do estilo que tiñades ao comezo. Como foi o proceso?

Nós estamos encantados porque facemos o que nos apetece, como sempre fixemos desde que comezamos hai 12 anos. Con 19 anos quizais estabamos un pouco nerviosos e con ganas de escoitalo todo e de comernos o mundo, e por iso faciamos punk rabioso. Cos anos foi evolucionando a nivel musical: limos novos libros, vimos novas pelis, falas con máis xente… e é inevitable, non podería ser doutro xeito. O anterior disco (Campeones del Mundo, 2016) abriunos un novo abanico de posibilidades. Empezamos a producir con Hevi, de Malandrómeda, e abriunos a mente desde esa visión rapeira da realidade que ten el.

Que tal está a recibir a xente esta evolución constante?

Penso que a xente o está a recibir moi ben. O feedback que temos é moi bo e o grupo creceu mogollón. Pode que polo camiño perdamos a cinco pero gañamos a 10000. Nós temos claro que non hai que dar sempre o que parece que o público che está a pedir. Temos unha máxima que é que para emocionar ao noso público primeiro temos que emocionarnos nós, e nos últimos anos creo que o estamos a conseguir.

Se ao principio as vosas influencias eran máis do punk e do garage rock británico e americano, que música ou artistas escoitades agora?

Pois a moitísimos. Agora mesmo estou no noso estudio escoitando a Héctor Lavoe. Desde salsa ata afrobeat ou rap dos 80. Tamén seguimos a escoitar rock n roll. A min flípanme The Clash, de feito penso que humildemente hai bastantes similitudes con nós. É un grupo que empezou facendo punk e soubo evolucionar, e nos seus últimos discos hai sons de todo tipo.

O mes pasado tocáchedes na Praza da Quintana en Santiago ante milleiros de persoas. Imaxino que foi un concerto moi especial para vós.

Foi a hostia (risos). Desde que sacamos Ultraligero os concertos están a ser unha pasada, un tras outro. Para min, o da Quintana foi o concerto máis especial da miña vida. Tiñamos alí aos colegas e ás nosas familias, diante da catedral, a xente unha enriba doutra… foi moi emotivo.

Sodes un grupo moi habitual nos carteis dos festivais. Vos considerades un grupo festivaleiro?

A nós gústanos tocar, dá igual se é nun festival, nunha praza ou nunha sala. Eu non fago diferenza. Novedades Carminha sempre tivemos no directo un puntal, é no momento no que conectas coa xente e no que podes montar un show de principio a fin. Nós traballamos moito o concepto de show. Eu sempre dicía que non me mola ir ver un grupo para aburrirme, e hai moito diso. O noso show é unha festa, a xente ten que sentir, bailar, frotarse e súar. Ten que ser a mellor noite, polo menos da semana, da xente que vén.

O voso estilo préstase moito a cantar e a bailar incluso cando non coñeces as cancións, por iso mencionaba o tema dos festivais, onde haberá xente que non vos controle moito.

Si, pode ser que as nosas cancións entren á primeira escoita, pero tamén creo que teñen unha evolución coas posteriores escoitas. Vanse collendo moitas cousas a medida que se van repasando. Somos un grupo de directo pero tamén metemos moitas horas, esforzo e ilusión no estudio. Este último disco pódelo escoitar un domingo pola mañá ou pola noita na discoteca.

Neste último disco hai catro colaboracións, entre elas cos galegos Alba Galocha e Esteban y Manuel. Con que máis artistas da terra vos gustaría colaborar?

É unha porta que abrimos hai relativamente pouco pero que creo que imos deixar aberta, porque a idea de colaborar con xente que ten outra forma de ver as cousas e nutrirse diso é súper interesante. É algo que ata agora no rock n roll no se fixo moito, é algo máis habitual no rap ou na música mainstream. A produción con Malandrómeda tamén é outra colaboración. Tamén colaboramos con outra xente noutros eidos artísticos. Fixemos un documental o ano pasado, A Santiago voy, con Esteban y Manuel, obra de Lois Patiño. A nivel visual tamén, coas portadas dos discos e cos carteis. Novedades Carminha somos catro pero ao redor da banda hai moitos artistas que participan coas súas creacións.

Polo que comentas, dádeslle moita importancia ao apartado estético, xa sexan portadas, carteis, videoclips ou merchandising.

As novas camisetas que sacamos son obra de Koln Studio, que tamén se encargaron do deseño gráfico do novo disco, con arte de Eloy Arribas. Tamén temos unha proposta visual no directo que para quen non a viu aínda o pode facer este verán. A parte visual é moi importante, é parte dun todo. Un directo non pode ser só unha consecución de cancións. Todo ten que acompañar a un discurso.

Como cres que se ve desde fóra a escena musical galega?

REVISTA NOVEMBRO

Agora mesmo hai un artista que está a funcionar moi guai que é Baiuca (Álex Casanova ), que nos está a deixar abraiados a todos e estamos súper contentos por el. É un tipo que está levando o folk tradicional mesturado con electrónica fóra de Galicia. O outro día nas festas de San Isidro en Madrid estaba todo o mundo tarareando a grito de “lololó” muiñeiras. Paréceme a hostia. Outros que soan fóra de Galicia son Esteban y Manuel, Ortiga, Triángulo de Amor Bizarro, Disco Las Palmeras!, nós mesmos… Hai unha escena bastante rica en sons e influencias, hai mundos entre nós.

Pasaron xa dez anos desde o voso primeiro disco, Te vas con cualquiera. Esperabades unha traxectoria así? Que balance facedes desta década?

O balance é súper positivo. Cando un empeza non pensa onde vai chegar, vai facendo cancións e vai tocando por aí. O caso é pasalo ben. O grupo foi medrando co tempo, non houbo ningún crecemento explosivo, foi pouco a pouco. Penso que iso tamén é positivo, é unha evolución natural. Estamos a tomarnos a creación e esta nova xira como se volvésemos a comezar de novo, con esa mesma ilusión, e iso non se pode cambiar por nada.

(GMT+01:00) Campo de fútbol Lourido, Nigrán

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.