REVISTA ABRIL

Imos deixar que Sargadelos peche?

Poida que non haxa no mundo ningún galego que non teña sentado nunha mesa decorada coa xeometría e os azuis intensos dunha vaixela de Sargadelos e, de existir, debería buscar no salón da casa dos pais algunha figura ou xogo de café e seguro que vai caer na conta de que a cerámica de Sargadelos formou parte tanxible da súa historia persoal.

REVISTA ABRIL

O pasado mes de agosto, desde a fábrica de Sargadelos do concello de Cervo, anunciábase o fatídico despedimento de 49 traballadores e a ameaza de peche da planta. En setembro, os medios anunciaban a reincorporación de gran parte dos traballadores e mandaban unha mensaxe esperanzadora, aínda que deixando ver que o selo galego non está a atravesar un bo momento. Talvez, como sucede con gran parte da nosa cultura, non prestamos a atención suficiente a esta produción de porcelana galega nada no 1806 da man da familia Ibáñez e non a temos en consideración no alto nivel que merece, sendo todos un pouco culpables de que non ocupe o lugar que lle corresponde dentro das marcas nacionais. A artesanía desta casa lucense pasou de xeración en xeración e interesou a figuras da nosa terra como Isaac Díaz Pardo ou Luís Seoane, levando a louza fina ata o limiar da arte e coidando cada peza ata convertela nunha xoia única que conta moito de nós: da xente do mar e da terra, do matriarcado, do exilio, do Camiño e do noso celme.

Se queremos que a produción galega sexa valorada alén das nosas fronteiras, vai sendo hora de tomar partido e de comprometernos co noso, de investir nela e de asegurar que o legado de Sargadelos siga en pé por moitos anos. Ademais das figuras decorativas e da vaixela, a marca ofrece bolsos, carteiras, manteis, xoiería, téxtil e complementos para todos os gustos. A súa tenda virtual (www.sargadelos.com/gl) conta con gran variedade de produtos; a súa fábrica de Cervo admite visitas gratuítas para coñecer a produción artesanal da marca; e a súa tenda en Vigo, no número 17 da Rúa de Urzáiz, está aberta para satisfacer a túa curiosidade. Non hai escusas, enchóupate de artesanía e faite cómplice dun legado cultural que ten de ser eterno.

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de outubro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón.]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.