ASNEVES
REVISTA MAIO

Humor, memoria e innovación na programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

A 39ª edición da MIT, en Ribadavia, incluirá o 10 aniversario de A Panadaría, espectáculos de compañías europeas e os ultimos traballos de Matarile, Teatro del Barrio, Las Huecas ou quico Cadaval. Consulta aquí o programa completo.

As que limpan, de A Panadaría | Foto: Leticia Blanco

A 39º edición da mostra internacional de teatro de Ribadavia presentará na vila ourensá máis de vinte espectáculos e varias actividades escénicas complementarias arredor do lema “memoria, cohesión e innovación”. A MIT abrirá coa recoñecida directora arxentina Marina Otero, o 15 de xullo, e pecha o día 23 de xullo coa estrea do proxecto gañador do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, O Auto do Castromil, de Quico Cadaval.

O primeiro obxectivo do festival é afianzar a posición internacional, coa presentación do espectáculo da arxentina Marina Otero, que fará unha parada en Galicia na súa xira europea. A súa obra Fuck me é un impactante espectáculo entre a ficción e o documental, entre a danza e a performance, entre o accidente e a representación. O festival tamén contará con artistas de Italia e Portugal, así como diferentes puntos do Estado.

Por outra banda, MIT dará espazo a compañías galegas. Entre elas estará A Panadaría, unha das compañías de maior éxito nos últimos anos e que celebrará no festival 10 anos de traxectoria. Entre os festexos estará a derradeira función de Elisa e Marcela terá lugar na Igrexa da Madalena . Por outro lado, no Castelo, ofrecerán As que limpan, o espectáculo que aborda a precariedade e os abusos das mulleres limpadoras e os usos e abusos do poder que exercen os empresarios da industria turística dos hoteis.

Ademais de no Castelo, nas rúas da vila terán lugar espectáculos de danza (Elahood, Maduixa ou Colectivo Glovo), de novo circo (Kanbahiota, e a compañía italiana Dúo Kaos) ou aqueles máis cercanos á narración oral, coma A parábola do angazo, coa que celebraremos tamén os 35 anos do aniversario da creación da compañía galega Talía Teatro.

Entre as actividades complementarias encontramos novidades como un servizo de conciliación, , formación, premiosm e presentacións.Destacan as Xornadas sobre a Historia do teatro galego e a memoria da Transición en colaboración co Consello da Cultura Galega, un proxecto audiovisual dirixido por Tito Asorey.

A venda de abonos para todos os espectáculos do Castelo está aberta entre o 19 e 29 de xuño na web de Ataquilla. O abono ten un prezo de 62 € e inclúe o acceso aos nove espectáculos de pago. A partir do 30 de xuño poderanse mercar as entradas soltas de todos os espectáculos na mesma billeteira dixital ou na oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo das entradas soltas variará entre os 5 e os 10 euros. Consulta aquí o programa completo do festival.