Historia contraventora
Acontravento é un termo composto que sintetiza como símbolo o carácter de noso, do país. Somos un pobo afeito a sufrir, mais nunca nos rendemos. Nós fomos esquecidos por esa historia colonizada noutra lingua, e aínda así, fomos quen de manter un legado secular ata os nosos días. Xente revolucionaria, movémonos entre a tradición e a loita. Esa filosofía contraventora identifica a marca téxtil que Daniel Portela Macua, mestre en historia contemporánea, botou a andar en 2019 desde A Guarda.
Os deseños de Acontravento caracterízanse polo carácter reivindicativo, con camisetas e suadoiros con lemas como «A xustiza pola man», extraído das Follas novas de Rosalía, ou «Denantes mortos que escravos», sempre no escudo da serea que propuxo Castelao. Roupa con identidade propia, con ecos de artes plásticas, escritoras, loita obreira, música… Cada deseño ten unha vontade, máis ou menos explícita, de concienciación e transformación social. Ademais, a busca da sostibilidade é notoria: todas as pezas están confeccionadas con algodón ecolóxico e poliéster reciclado, respectando as persoas que interveñen na cadea de fabricación, contando con certificados que garanten o cumprimento dos dereitos humanos e laborais, procurando que a maioría dos procesos de elaboración sexan de quilómetro cero.
Para levar o compromiso por bandeira, enchendo o roupeiro con afouteza, podemos vogar ata acontravento.gal, contra vento e marea, mais co rumbo claro.
Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024