REVISTA MARZO

Historia dunha cidade: Un letreiro por un letrado

Desde tempos inmemoriais, antes mesmo de Adán e Eva, existe no ámbito xurídico un intenso debate filosófico, en torno ao cumprimento ou á desobediencia da lei: se esta for considerada inxusta, que facer ante unha norma que se ten por tiránica?

Axiña me vén á mente un nome. Ten enfronte un tribunal servil ao imperio das armas. Pro el é home de prestixio, formado canda Adolfo Gregorio Espino, cofundador do Colexio de Avogados de Vigo, asesor xurídico do noso Concello ou da Caixa de Aforros, asesor do Estatuto… Un tipo, pois, con bagaxe suficiente e recursos probados. El confía na persuasión da oratoria pra mover as almas e fincar nos corazóns. Mais trocaran por miserables órganos de pólvora. O letrado, sen acceso ás dilixencias sumariais por estar baixo segredo, sen temor afirma que os testemuños son «delacións calumniosas» dadas baixo tortura; tacha de «opinións» os informes que a autoridade presenta sen que haxa feitos probados; denuncia que os reos non subscribiron o que os informes contemplan, sendo falsidade documental; e solicita que se teña en conta a «protección legal en vigor» cando se curse detención.

Terra seca. Os acusados acaban en Consello de Guerra. O avogado é desterrado de Vigo. A sentenza: «debemos condenar y condenamos a la pena de muerte a los procesados Emilio Martínez Garrido, Ignacio Seoane Fernández, Enrique Heraclio Botana, Ramón González Brunet, Waldo Gil Santostegui, Apolinar Torres López y Manuel Rey Gómez». Na mañanciña do 27 de agosto, extirpáronlles a vida facéndoos mártires da legalidade democrática.

Banner A Movidiña

O home de toga, de recta conduta e innegable hábito xurídico, viviu sob a presión sociopolítica e militar reinante en Vigo tras xullo do 36. Volvería á avogacía acadando sona no eido mercantil e marítimo. Morto Franco, foi condecorado coa Cruz de San Raimundo Peñafort. Mantivo o compromiso co país, militando no galeguismo democrático e defendeu a lingua galega.

En 2013, Vigo púxolle unha placa na casa onde vivía, no Progreso, por iniciativa da Irmandade Xurídica Galega. Porén, ningún rastro existe na Cidade da Xustiza, sita no antigo «Pirulí». Poucos saberán que falo de Roberto González Pastoriza, o avogado exemplar nos tempos da ira. A ética obrigaríanos a poñer un recordo na entrada das novas instalacións. Alí, para que se lembre a extraordinaria lección que este vigués deu en pleno período de terror. Porque por derriba da legalidade feixista, estaba a xustiza democrática. Que non se esqueza.

Xurxo Martínez González
Historiador