REVISTA ABRIL

Héroes para la ciencia: a gran festa dos pequenos

En Héroes para la ciencia a bióloga Ana Míguez e o seu equipo transmiten coñecementos científicos a través do xogo e ofrecen servizos de animación para aniversarios, campamentos e vodas nos que os nenos se divirten facendo experimentos.

Ana Míguez xunto á súa amiga e empregada, Nuria Avión, e a mascota da empresa, o León Supermolón | P.Cermeño

A bióloga Ana Míguez é a responsable de Héroes para la ciencia, unha empresa de animación na que a parte lúdica se combina coa aprendizaxe. Xunto ao seu equipo formado por varios monitores e monitoras imparten obradoiros en escolas, organizan campamentos nos períodos vacacionais e aseguran a diversión dos máis pequenos en comuñóns, vodas e aniversarios. Para elas a ciencia non ten fornteiras, por iso se desprazan por toda a xeografía galega.

Héroes para la ciencia é unha empresa especializadas en impartir coñecementos científicos en contextos lúdicos e os seus servizos son moi demandados agora que comeza a tempada de vodas, bautizos e comuñóns xa que ofrecen un ocio moi distinto, que vai un paso máis aló dos clásicos pintacaras ou castelos inchables. Tamén realizan actividades en bibliotecas (dentro do programa Ler Conta Moito), centros culturais e calqueira outro espazo que requira dos seus servizos.

Nestes eventos, nos que as idades dos pequenos asistentes son dispares, o máis importante é que todos se sintan parte do grupo, polo que as actividades son multinivel. Propoñen á cativada xogos baseados en experimentos tan sinxelos como vistosos: volcáns que erupcionan, alimentos que cambian de cor, ilusións ópticas, realidade virtual… xunto a xincanas con temática científica e disfraces. Ademais propoñen aos nenos elaborar un detalle para entregar aos noivos no final da xornada, sentíndose partícipes da celebración.

REVISTA ABRIL

Ademais de eventos privados, a heroica empresa de Ana tamén conta con actividades de divulgación científica para centros educativos, entre as que destaca a organización de escape rooms que os escolares deberán resolver utilizando a lóxica e os coñecementos científicos que posúan. Tamén contan cun pequeno museo itinerante que montan no colexio que o solicite con elementos similares aos da Casa de las ciencias, pero a pequena escala, como unha bola de plasma ou un theremin que os nenos poden manipular. A igualdade tamén é moi importante neste proxecto, polo que inclúen actividades que fomentan a igualdade de xénero con seccións como Excelentes mulleres científicas, contacontos con teatriño de sombras, etc. Por último, existe unha opción bilingüe par realizar estes xogos en inglés.

Os cativos que queden con ganas de seguir experiementando non deben perderse a canle de Youtube de Héroes para la ciencia, onde Ana propón experimentos e manualidades para realizar na casa con elementos accesibles e reciclados.

heroesparalaciencia.com
627 03 95 32
@heroesparalaciencia

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.