Sondeseu e invitados poñerán música ás Illas Cíes

A orquestra de folk Sondeseu realizará un concerto especial o sábado 2 de febreiro para continuar coa petición popular de que Cíes sexa Patrimonio da Humanidade. O conxunto vigués estará acompañado de numerosos artistas invitados de renome.

O próximo sábado 2 de febreiro, ás 20:30 no Auditorio Mar de Vigo, tes un concerto moi especial da man de Sondeseu, para incidir novamente no merecemento das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, unha campaña que se vén facendo desde hai anos con diferentes actos e recollidas de sinaturas. A entrada é de balde con previa retirada do convite na billeteira do auditorio. Unha semana antes do concerto as entradas xa están esgotadas.

Mais a famosa orquestra de folk non estará soa, xa que lles acompañarán invitados e invitadas de luxo: Rosa Cedrón, Vanesa Muela, Luis Peixoto, Xuacu Amieva, Toño Domínguez, o Orfeón Treixadura e O Fiadeiro. Todos eles reunidos por unha gran causa.

SonDeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada. 

REVISTA VERAN

A agrupación naceu no ano 2001 no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios, hoxe E-Trad, Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo, experiencia singular que persigue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Dende entón leva unha traxectoria ascendente que a proxecta no panorama español e internacional, con cinco publicacións discográficas e numerosos recoñecementos públicos. De feito, veñen de sacar un novo disco o ano pasado, Beiralúa, e este mesmo xoves inaugurarán en Glasgow unha nova edición do Celtic Connections.