REVISTA ABRIL

Javier Veiga: “Gústame a promiscuidade artística, a outra non”

O actor galego Javier Veiga, chega este sábado ao García Barbón para presentar ‘5 y acción’, unha obra escrita por el e que protagoniza xunto a Marta Hazas, Carlos Sobera, Marta Belenguer e Ana Rayo. Unha sátira na que todos ocultan algo, todos queren algo do outro e ninguén se fía de ninguén. Falamos con Veiga, quen afirma que a risa está asegurada, se non comprométense a devolver os cartos.

Por que 5 e acción?
Na televisión acostúmase a dicir 5 e acción. Emprégase para que todo o mundo estea en silencio e concentrado antes de comezar a gravar a escena. Cinco segundos importantes para a televisión e que estaría ben aprender a contalos na vida.

Sodes cinco os actores que estades no escenario.
Cinco actores e cinco portas polas que estes cinco personaxes estarán todo o tempo entrando e saíndo. Todo xira en torno ao cinco portas, cinco personaxes e cinco segundos.

“Se alguén non ri durante o espectáculo, pode pedir que lle devolvan os cartos”

Afirmas que a risa está asegurada neste espectáculo
Tanto é así que tivemos a chulería de chegar a un acordo cunha aseguradora e facer un ‘seguro de risa’. Se alguén non ri durante o espectáculo, pode pedir que lle devolvan os cartos.

Alguén os demandou de volta?
De momento non… e xa me jodería que fose en Galicia. Así que pido por favor, que se queren pedir de volta os cartos que vaian a ver o espectáculo a Ponferrada ou a León pero que non o fagan na casa que daría moi mala imaxe. [risas]

“Non recordo relacionarme coa miña familia serio”

Todos coñecemos a túa faceta de humorista. Sénteste cómodo na comedia?
A comedia é unha maneira de contar as historias. Sempre que conto algo emprego o humor é unha cousa que me vén no ADN. A retranca é algo moi noso e na miña casa sempre foi a maneira normal de relacionarnos, non recordo relacionarme coa miña familia serio. Sempre cunha broma, ou con humor, incluso en temas graves.

“Todos vendemos a alma o demo cada día”

Pero en ‘5 y acción…’ hai moito de crítica social.
É unha sátira. Conta a historia de cinco personaxes que están pelexando por conseguir os seus soños e están dispostos a calquera cousa para alcanzalos. Isto é algo que a todos nos pasa en maior ou menor medida. O saber ata onde chega a túa dignidade ou os teus principios… hai xente que vai máis alá outra queda máis acá, pero ao final creo que todos vendemos a alma o demo cada día.

Es o escritor da obra pero tamén un dos protagonistas, con que faceta te quedas?
Gústame a promiscuidade artística, xa que da outra estou absolutamente en contra. [risas]De maneira natural sempre me saíu facer todo o proceso, escribir o que vou facer nun escenario antes de saír, síntome cómodo así.

Entre o elenco está Marta Hazas como levades o de ser parella e traballar xuntos?
Como nos coñecemos traballando para nós é a circunstancia habitual. Traballar xuntos é un estado cotiá. Son case como unhas vacacións traballando, mesturase todo un pouco e a verdade que estamos moi cómodos.

Outro dos protagonistas é Carlos Sobera, era a primeira vez que traballabades xuntos?
Coñecémonos no escenario pero eu enriba e el debaixo porque el foi ver unha función que eu facía de teatro. Fomos cear e quedamos para traballar xuntos e pasou o tempo ata que xurdiu esta oportunidade.

Que ademais se estrou no teatro do propio Sobera?
Si, foi unha gran responsabilidade porque era a obra que estrearía o seu teatro. Foi un voto de confianza e un quere estar altura para non defraudar. Despois de dous anos co espectáculo e dúas tempadas no teatro a verdade que mellor non puido ir.

“Non chega con pór a un famoso no cartel”

Ten tirón levar entre o elenco a alguén tan televisivo como Sobera?
A xente que compra unha entrada quere saber máis ou menos o que vai ver. Levar a alguén coñecido axuda, pero a xente compra a entrada cando lle dá a sensación de que o espectáculo vai funcionar. Non chega con pór a un famoso no cartel.

REVISTA ABRIL

Como afrontas o espectáculo en Vigo, cómodo de xogar na casa?
Sempre digo que cando vou a Galicia me sinto moi querido. Aínda que soe un pouco rancio, é a verdade. A afección está a favor de principio, se ao cabo de 3 minutos non os gañaches xa depende de ti. Pero polo menos de antemán eu si que noto que hai un cariño especial.

“Teño varios proxectos en marcha con Touriñán”

Nestes momentos en Galicia hai unha importante xeración de humoristas. Alguén con quen te gustaría traballar?
A verdade que creo que teño traballado con todos e gustaríame seguir traballando con eles. Aínda que no 92 marchei para Madrid e fixen alí a miña carreira, fai un par de anos que traballo moito por aquí. Fixen varios proxectos con Touriñán e estamos a traballar nalgún novo. Para min é un agasallo poder traballar entre Madrid e Galicia.

Algo q nos adiantes deses novos proxectos con Touriñán?
Un verá a luz antes de que remate o ano e outro distinto se verá nos teatros o ano que vén.

(GMT+01:00) Teatro Afundación

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.