REVISTA ABRIL

Gonzalo Suárez (Festival Cine Inclusivo): ‘Non somos conscientes da barreira que supoñen un par de escalóns’

Como nace a idea do Festival de Cine Inclusivo de Vigo?

O festival naceu hai cinco anos na Escola de imaxe e son como un proxecto entre profesorado e alumnado do centro. Celebramos alí dúas edicións e despois demos o salto ao Auditorio do Concello, con maior presuposto e produción. A idea era e segue sendo facilitar o acceso ao cinema a persoas que, pola súa condición física, teñen dificil desfrutar del nunha sala de convencional.

Cales son as barreiras coas que se atopan estas persoa e vós eliminades?

Poden ser tanto físicas como sensoriais. Eu mesmo, que estou en cadeira de rodas, teño que quedar na primeira fila de moitas salas, ante a imposibilidade de subir as escaleiras. Non somos conscientes da barreira que supoñen un par de escalóns para unha persoa con discapacidade física. Por outra banda, traballamos no subtitulado e a audiodescrición, para facer accesibles moitas películas a persoas con dificultades para ver e oír. É un traballo que require moito tempo, por iso traballamos maioritariamente con curtametraxes.

Vendo o catálogo das últimas edicións, nas que por exemplo proxectastes ‘Campeones’ de Javier Fresser, a discapacidade está tamén presente no argumento das películas que seleccionades

Si, podemos dicir que o festival cumpre dúas funcións. A primeira sería a eliminación das barreiras das que falábamos en películas e curtas de todo tipo. A segunda, máis notable na sección documental, é mostrar a realidade de quen sofre estas barreiras, pois cremos que é necesario para avanzarmos cara a inclusión como sociedade.

Afectou dalgún xeito o confinamento ao funcionamento do festival?

Por sorte non nos vimos na situación de cancelalo ou adialo, como lle está acontecendo a moitos compañeiros, pero si nos está afectando na selección das películas. Estes son meses de estreas, que non están acontecendo por razóns obvias, polo que algunhas das películas coas que contábamos están no aire e descubrir novos traballos recentes e interesantes está complicado. Ampliamos o prazo de recepción das pezas, que segue aberto, por este motivo. Outro dos contratempos foi ter que parar o traballo cos escolares.

Ademáis de profesor e director artístico do Festival de cine inclusivo de Vigo, tamén es director de cinema. Estás traballando nalgún proxecto?

REVISTA ABRIL

Si, estou traballando na miña primeira longametraxe, un documental autobiográfico. Cando tiven o accidente que me fai estar en cadeira de rodas comecei a gravarme habitualmente, documentando a miña recuperación e adaptación. Unha parte importante da mesma foi formar parte do equipo de baloncesto da AMFIV (Asociación de Minusválidos Físicos de Vigo), un equipo de altísimo nivel que conta con deportistas paralímpicos e o primeiro equipo galego de baloncesto (con discapacidade ou non) en gañar unha competición europea. Quero contar a súa historia e tamén a miña. Vaise chamar ‘A cero.5’, a distancia do chan á que están as cadeiras de rodas.

Sendo unha peza construída con material de arquivo, puideches traballar nela durante estes meses?

Si, puiden traballar, pero a pasos máis lentos do que o faría normalmente. Traballo coa produtora Agallas, en Santiago de Compostela, e a distancia dificulta moito a montaxe. Tamén hai material que me queda por gravar e tarefas de produción que tiveron que pararse. Outro dos problemas é a conciliación do teletraballo co coidado do meu fillo, agora que as gardarías están pechadas.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.