Globalingua, tradución profesional para conectarse co mundo
Fundada en Vigo en 2013, Globalingua é unha empresa especializada en xestionar proxectos multilingües e resolver os problemas lingüísticos da súa clientela en calquera contexto ou soporte. Traballan cunha rede de profesionais nativos expertos en cada unha das linguas e sectores e ofrecen un servizo especializado nas áreas da tradución xurídica, financeira, biosanitaria, audiovisual e de márketing.

Entre os seus servizos destaca a tradución a múltiples idiomas de catálogos e documentos corporativos, informes para organismos internacionais, sitios web e tendas en liña, así como a interpretación en eventos e a subtitulación de curtametraxes, incluídos os subtítulos descritivos para persoas xordas en galego. En Globalingua non só se encargan de traducir o contido, senón que tamén o adaptan culturalmente para evitar erros que poidan afectar á reputación da marca ou á recepción da mensaxe en diferentes mercados. Traballan tanto para pequenas empresas como para grandes firmas como Husqvarna, Nestlé, Siemens, Puma ou Sony. Teñen oficinas en Vigo e na Coruña e o seu obxectivo para os próximos anos é contribuír á prosperidade rexional e consolidarse como a empresa de solucións lingüísticas de referencia para as compañías galegas. Nahir Lourenco, cofundadora e directora de Globalingua, explica que unha boa tradución e un asesoramento adecuado poden ser claves no proceso de internacionalización das empresas galegas.
Lourenco recoñece que o maior reto nos últimos anos para Globalingua foi adaptarse ás transformacións que impulsan as novas tecnoloxías á velocidade que esixe neste momento o sector. Ela ten claro que, lonxe de ser unha ameaza, a intelixencia artificial representa unha grande oportunidade ao permitir deseñar solucións innovadoras e que, combinándoa co talento humano, poden ofrecerse respostas personalizadas ás necesidades de grandes e pequenos clientes. Para manterse ao día coas últimas tendencias do sector, a empresa está a investir continuamente en formación, programas e estruturas tecnolóxicas. Con todo, non se esquecen de que as persoas son as que marcan a diferenza. Os xestores de proxectos especializados do equipo de Globalingua establecen unha relación honesta cos seus clientes, avalían as súas necesidades concretas e axúdanlles a conseguir as súas metas noutros mercados.
practicas
Últimos posts de practicas (ver todos)
- Globalingua, tradución profesional para conectarse co mundo - 25 Marzo, 2025
- Actividades para celebrar o Día das Letras Galegas - 4 Maio, 2022
- Bouzas vístese de festa para o III Concurso de Decoración de Nadal - 30 Novembro, 2021
- Nanomateriais a diario - 6 Maio, 2021
- ‘Mulleres no foco’, os premios do audiovisual feminino - 31 Marzo, 2021