Galoha: Galicia saúda a Hawai
Galoha é viaxar. Concretamente a México, onde se coñeceron a granadina Helena Espinar e o vigués Alberto Luca de Tena. Galoha é seguir viaxando. Concretamente ao Xapón, onde os dous se namoraron en 2018 da camisa kariyushi, a versión de Okinawa da camisa hawaiana, e decidiron empezar este proxecto, con ganas de traer estas pezas tan tradicionais das terras nipoas ao noso país. Galoha é regresar. Concretamente a Vigo, onde Helena e Alberto se dedican en corpo e alma a difundir e coidar do noso patrimonio desde o ángulo da moda, principalmente a través do seu produto insignia, a camisa «Galoha», alén das demais pezas e coleccións.
Galoha nace da unión de Galicia con aloha, termo que é o saúdo hawaiano por excelencia, describe a identidade de Hawai e abrangue valores como a amabilidade, a hospitalidade e a positividade e tamén vén a significar «camisa hawaiana». Nada mellor que unir estes conceptos á tradición de noso, mostrando no logotipo a illa de Monteagudo, do arquipélago das Cíes. A filosofía da marca entende a camisa como un vehículo de historias que axudan a difundir e coidar do patrimonio mariño a nivel cultural e natural. Historias como a de Rogelio Santos, un mariñeiro divulgador da sostibilidade. Galoha Brand fabrica co menor impacto ambiental posible: elixe materiais como o algodón orgánico certificado, tinguiduras libres de substancias nocivas e evítase o uso de plásticos.
Para lucir unha camisa que une o deseño coa tradición, temos o modelo «Praias», inspirado en oito dos areais máis icónicos de Galicia; o modelo «Fento», estampado coa imaxe das plantas máis antigas dos nosos montes, ou o modelo «Pulpo», unha representación do cefalópodo máis célebre nos nosos lares. Elixir resulta difícil, por iso é recomendable visitar galohabrand.com para escoller unha peza para vestir cunha fusión tan exótica como propia.
galohabrand.com | @galohabrand
Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024