REVISTA ABRIL

The Wild Fest albergará o único certame de cine medioambiental de Galicia

O festival internacional The Wild Cinema é o único festival de cinema medioambiental de Galicia. As proxeccións serán ao aire libre, do 3 ao 5 de setembro, no Parque forestal de San Miguel de Oia e a súa programación está formada por longas e curtas, entre as que destaca o documental galego Entre pastores e lobos.

The Wild Cinema 2020 | P. Cermeño

Por terceiro ano consecutivo no The Wild Fest atoparemos The Wild Cinema, unha escolma de filmes con temática medioambiental, deportiva e de aventura que poderá desfrutarse ao aire libre nunha gran pantalla instalada no merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia. Ambos festivais celébranse de xeito paralelo entre o 3 e o 5 de setembro e contan cunha entrada única que pode adquirirse na súa web por 15 €.

REVISTA ABRIL

A selección de filmes de The Wild Cinema foi artellada para contribuír ao obxectivo xeral do festival: facer visible a importancia de respectar e coidar o noso planeta. Por iso a súa programación está formada por unha ducia de filmes que impactan tanto pola súa beleza como pola mensaxe que transmiten e que foron seleccionados tomando como referencia certames cinematográficos de renome a nivel mundial.

A mostra arrincará coa proxección de Entre pastores e lobos, un documental galego, dirixido por Manuel Pedrosa que nos achega á relación entre os lobos, as persoas e as montañas de Galicia a través do ollar dun biólogo que leva anos seguindo as pegadas destes animais. O filme recibiu o Premio do público na pasada edición do festival Suncine, o certame de cine medioambiental máis lonxevo do mundo, que se celebra en Barcelona. O mesmo día proxectarase O son da balea, unha curtametraxe gravada na illa de Ons e dirixida por Daniel Suárez Rubini que recorda o pasado baleeiro de Galicia.

Entre as producións internacionais máis destacadas están Elementa, un poema visual dirixido polo galardonado fotógrafo medioambiental Richard Sidey e rodada durante cinco anos en sete continentes; ou Migrants, unha curtametraxe de animación sobre dous osos polares expulsados do seu hábitat polo cambio climático.