Galerías Fetén, moda singular no corazón da cidade
En novembro de 2024 abríu as súas portas Galerías Fetén na céntrica rúa de Elduayen. Nesta tenda, rexentada por Águeda González e Xacobo Cacharrón, atoparemos roupa, complementos, calzado e decoración para o fogar de marcas singulares escollidas con agarimo e bo gusto.

A falta de saber o que acontece baixo terra, a rúa Elduayen está a gozar dunha nova vida desde hai un tempo. Tras anos de obras, a recente peonalización fixo que a Porta do Sol non exerza de barreira invisible para os paseantes, que agora se animan a camiñar devagar por esta rúa que leva o nome do responsable de implantar o ferrocarril de Vigo a Ourense en 1881. Nun destes paseos é imposible non fixarse nun cartel con forma de rombo con aire clásico pero, á vez, moderno: falamos de Galerías Fetén. Este local, ideado pola viguesa Águeda González e o coruñés Xacobo Cacharrón logo dunha etapa en Madrid, abriu as súas portas en novembro do pasado ano nun fermoso edificio de pedra con vistas á ría. O obxectivo principal da parella era ofrecer algo distinto, que non houbese nada igual na cidade, e tras cinco meses abertos están a percibir esa resposta na clientela.

No interior da tenda, recollido e moi luminoso, atopamos roupa, complementos, calzado e decoración para o fogar. Nótase que todo está escollido e colocado con agarimo e, máis alá da súa evidente compoñente estética, cada obxecto agocha unha historia detrás. Os valores éticos, a produción responsable, o traballo manual, a singularidade ou o talento autóctono son algúns dos factores que inflúen á hora de seleccionar os produtos, que van rotando cada certo tempo. Ademais, moitos deles son practicamente exclusivos a nivel galego, polo que aspiran a converterse nunha parada obrigada para os amantes da moda e da artesanía que veñan a Vigo doutras partes do territorio.

Algunhas destas marcas exclusivas son a xaponesa Moonstar e a madrileña Augusta, ambas de calzado. Por suposto, tamén atopamos firmas galegas nos andeis: Lalura, Latonta, Montse Betanzos, NWHR, Pazo Gil Casares ou Alfarería Lista. Outras marcas dispoñibles son Abstract, BySamo, Carmen Says, Eleven People, Mantas Ezcaray, Studio Arde, The Cose, Unfeigned Gear, Water & Wines e Wouf. Águeda e Xacobo forman un tándem do máis propicio: ela, con ampla experiencia no mundo da moda; el, con dilatada bagaxe na atención ao público. A amabilidade de ambos, sempre cun sorriso na cara, fai que a visita ao establecemento, aínda que só sexa para botar unha ollada, xa pague a pena. Neste aspecto queren ser «unha tenda das de antes».

Esta semana, da man de Galerías Fetén, sortearemos nas nosas redes sociais un floreiro de Alfarería Lista, unha candea artesanal de aromas naturais feita de soia de Eleven People e unha fermosa caixa de mistos de Archivist Gallery.

Rúa de Elduayen, 28 | 646 20 00 07 | @galeriasfetenvigo
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Galerías Fetén, moda singular no corazón da cidade - 9 Abril, 2025
- Veciñanzas: As Travesas - 25 Marzo, 2025
- Non é cidade para bibliotecas - 25 Marzo, 2025
- Sacar a lingua de viaxe - 24 Marzo, 2025
- Que queres que se faga no Teatro Cine Fraga? Estas son as peticións máis repetidas - 19 Marzo, 2025