Galería Maraca acolle o primeiro concerto secreto de Vigo
Carla Lourdes, Pompa e Boato e Helen & Shanna foron os artistas que actuaron este xoves no primeiro concerto secreto que Sofar Sound organiza na nosa cidade e que terán carácter mensual.
A expectación era total: as localidades esgotáronse o pasado 15 de xullo, en apenas dez horas desde que comezou a súa venda a un prezo de 15 euros e aí comezou a experiencia dos vigueses e viguesas que lograron facerse cunha. O pasado mércores 27, á primeira hora da mañá, recibiron un email coa localización do concerto. A Galería Maraca (Doutor Cadaval, 12) foi o espazo que acolleu o primeiro Sofar Sounds celebrado en Vigo.
Alí déronse cita arredor de 70 persoas este xoves ás 20:00h. Descubriron un espazo realmente especial e un cartel con tres propostas moi diferentes. Abriu o espectáculo a cantautora afincada en Vigo Carla Lourdes, quen aproveitou os seus 25 minutos de show para presentar o seu primeiro disco, ‘O querer das flores’. Conectou cun público que se entregou á súa proposta e que gozou da proximidade coa artista. A segunda proposta da tarde foi a de Pompa e Boato, o alter ego de Samuel Merino. O creador multidisciplinar de Mos presentou ante os asistentes a súa poesía intimista nun recital no que, cunha guitarra de fondo como banda sonora, triunfou a palabra. O primeiro Sofar Sounds Vigo pechouse coa actuación de Helen & Shanna, folk con psicodelia emerxente. A banda, caracterizada pola fusión de sons e culturas creando paisaxes coloridos cargados de sentimentos, aproveitou o seu espazo para presentar o seu último single, ‘Carmo 22’.
Tras o éxito deste primeiro concerto desde a organización xa se está traballando para anunciar canto antes a próxima data.