REVISTA ABRIL

A Sede Afundación de Vigo acolle as fotografías do Premio Estação Imagem

O Premio Estação Imagem é un prestixioso certame internacional de fotografía, cuxo obxectivo é promover o xénero da reportaxe fotográfica. Estará dispoñible na Sede Afundación ata o 30 de marzo, de 17:30 a 20:30.

Estação Imagem é unha asociación cultural portuguesa que organiza cada ano este Premio Internacional de Fotoxornalismo para promover o xénero da reportaxe fotográfica. A participación neste certame está aberta a fotoxornalistas orixinarios ou residentes en Portugal, Galicia ou nos chamados PALOP, Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa.

REVISTA ABRIL

Trátase dunha exposición fotográfica conformada polas imaxes gañadoras do certame, único na Península Ibérica e un dos poucos certames que se realizan en todo o mundo enfocados á reportaxe fotoxornalística. Un xénero caracterizado en moitas ocasións pola dureza e a honestidade das súas imaxes, cun compoñente humano único.

Nesta mostra exhíbense as series fotográficas gañadoras do certame de 2018, que consta de 77 imaxes distribuídas en 22 paneis. O Prémio Estação Imagem 2018 Coimbra recaeu na serie Verão negro, de Patrícia de Melo Moreira e o premio á «Fotografía do ano» foi para O frío dos Refuxiados, do fotógrafo galego Gabriel Tizón. Nesta edición outorgáronse así mesmo dúas Mencións de Honra ás imaxes Incendios, de Nuno André Ferreira e Bons amigos, de Filipe Amorim. Tamén se mostrarán as reportaxes gañadoras nas categorías de Noticias, Temas de actualidade, Vida cotiá, Artes e espectáculo, Ambiente, Retratos, Deportes, Noroeste Peninsular e Premio Europa. Ademais, exhibirase a serie Minhotos, premiada coa bolsa do ano 2017, obra do fotógrafo Leonel de Castro, un proxecto documental sobre o Alto Miño.

Un xurado internacional, presidido por Santiago Lyon, presidente do World Press Photo 2013 e director de contidos editoriais de Adobe, foi o encargado de decidir os premiados. Os outros membros desta edición foron Sara Naomi Lewkowicz, fotoxornalista americana recoñecida polo seu traballo sobre violencia doméstica e familias LGTBQ e gañadora de dous World Press Photo; Marco Longari, fotoxornalista de AFP para África e Tania Habjouqa, fotógrafa documental especializada no medio ambiente e gañadora tamén dun Word Press Photo.