CASAACUNHA

Frying Luras celebran o seu XX Aniversario por todo o grande

Este venres, en La Fábrica de Chocolate, os Frying Luras celebran 20 anos de música sen pretensións, coa diversión como único fin. E o fan cun disco baixo o brazo, o primeiro, titulado Die Bucht der Schätze. Un álbum, por certo, que virá de regalo coa entrada ao concerto, tanto anticipada como na propia porta do local. Estas son só algunhas das sorpresas que nos deparan nunha noite que promete ser do máis especial. Falamos co batería da banda, Rafa Chao, sobre o presente, pasado e futuro da agrupación.

Os Frying Luras, con Rafa Chao á esquerda de todo | Tincho Fernán

Non debe haber moitos casos de bandas que cumpran 20 anos e lancen o seu disco debut. Por que agora?

Realmente garavamos agora despois de vinte anos porque nunca tivemos ningún tipo de miras de nada, sempre tocamos por diversión e por pasalo ben e nunca se deu o momento de gravar nada. A finais do ano pasado tiñamos uns cartos aforrados de tocar por salas en Vigo e xurdiu a posibilidade de gravar algo. Falámolo e estivemos todos de acordo que despois de tanto tempo como grupo deberiamos de ter algo, polo menos como recordo para os nosos fillos e netos. Gravamos en xaneiro a finde do 25 e 26 nos estudos “The Dub Yard” co mestre Javi Vicalo (Elephants Yard, Zamaramandi, Chow y la diligente) aos mandos da produción, eu mesmo nas mesturas e Tincho Fernán na masterzación.

Por que Die Bucht der Schätze como título do disco?

O título do disco é unha homenaxe a un dos grandes desta cidade chamado René Lorenz, alemán afincado en Vigo desde hai máis de 30 anos. Un home moi coñecido na cidade polos seus anos traballando na mítica tenda de música xa desaparecida “Mozart” na rúa do Progreso . El é o dono do local onde ensaiamos desde hai 20 anos e sempre nos tratou coma reis. No propio local de ensaio hai unha vitrina con guitarras e aparellos musicais e tamén hai un xogo de mesa, que leva por título Die Bucht Der Schätze. Fixonos moita graza o nome e desde hai uns anos sempre andamos con esa coletilla a voltas.

A que se debe que só escollérades oito temas cando contabades con tres decenas deles?

Cada un dos 6 compoñentes escolleu o tema que máis lle gustaba tocar e despois eliximos 2 temas a votación, sempre tendo en conta os mellor executados e mellor estructurados dentro da nosa humilde opinión. Nun par de descansos do ensaio tíñamos os temas escollidos.

Como lembrades os vosos inicios?

Pois realmente os nosos incios non distan moito da nosa situcacióbn actual. A formación foi cambiando e engadimos músicos co paso dos anos, algúns por temas de traballo outros por cambio de cidade… cousas que sempre ocorren nos grupos. Sempre mantivemos un día á semana de ensaio e podemos dicir que despois de vinte anos estamos igual que sempre, ou sexa, estamos ben. Somos moito máis que amigos e seguimos tocando sen ningún tipo de pretensión, quizais ese sexa o noso segredo para levarnos ben, cero estrés e sempre pasalo ben!

Que diferenzas atopades respecto ao momento actual?

Hai 20 anos quizás era mais doado conseguir locais onde poder actuar. Penso que hai moitísimos grupos e hai moitísima xente moi boa pero contrasta coa situación actual das salas de música en directo que non están pasando polo seu mellor momento, e non é porque non ofrezan cousas interesantes, senón porque a xente non acude a ver os grupos pequenos, polo menos non como hai uns anos atrás. Penso que hai que apoiar a cultura de base. A todos nos gusta ir aos festivais e escoitar os grupos grandes, pero no debemos olvidar que todos comenzaron en salas e locais de pequeno aforo.

Faládenos da festa que tedes preparada para este venres: cea pre-concertos, discos de regalo coa entrada…

Banner A Movidiña

Pois si, a verdade que imos botar a casa pola fiestra. Ás 21h imos convidar a xente a que se achegue a uns petiscos para ir quentando motores para o concerto das 22:30h. Puxemos unha entrada súper económica, de 6€ anticipada e 8€ na porta, ambas con disco incluído. A verdade que as anticipadas están voando! Tamén haberá camisetas á venda como recordo deste 20 aniversario. Unha noite para pasalo ben!

Que plans tedes despois desta xira galega do XX Aniversario?

Pois unha vez rematada a xira que temos preparada ata maio ou xuño do 2020, faremos un pequeno descanso como todos os veráns e probablemente á volta empezaremos a reparar a gravación do que será o noso segundo álbum, agora que parece que lle collimos o gusto a isto de facer discos.

(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.