CAMELIAS MASCOTAS

Francisco Leiro enche o Marco de seres antropomórficos

O recoñecido escultor cambadés Francisco Leiro, autor do famoso Sereo da Porta do Sol, expón na pranta baixa do Museo Marco unha serie de creacións antropomórficas ata o 16 de outubro. Deixando a un lado calquera sentido ou intención cronolóxica, artista e comisario buscan trazar a relación das obras cos peculiares espazos do museo, recorrendo tanto a obras xa realizadas coma a pezas de nova produción, específicas para esta mostra.

Francisco Leiro é de sobra coñecido en Vigo. Varias das súas esculturas modelan a paisaxe urbana desde hai décadas: O Sereo na Porta do Sol ou O nadador, no Náutico e na Praza da Estrela, son as máis famosas. Agora, o Museo Marco acolle en toda a pranta baixa O antropomórfico, unha recompilación de creacións antropomórficas do escultor cambadés. Se ben non é unha exposición retrospectiva, inclúe obras realizadas entre 1986 e hoxe porque, dende hai décadas, as súas exposicións son, á vez, un repaso ás súas claves e unha mostra dos seus últimos traballos.

Unha das particularidades da mostra é o xogo que as figuras realizan co espazo. As salas do museo destacan pola súa particularidade: unha zona central circular rodeada por arcos, que vai levando a salas de diferentes tipoloxías (corredores alongados, habitacións se saída, teitos de grande altura…). As esculturas adáptanse á perfección á súa nova vivenda para os próximos seis meses, pois a exposición estará dispoñible ata o 16 de outubro.

REVISTA NOVEMBRO

Entre os elementos que definen e individualizan claramente a súa obra están a presenza dunha especie de tradición oral (tamén visual, por suposto) na orixe de moitas das súas composicións. E da mitoloxía, culta e popular, de ditos e proverbios, do coñecemento desde o rural: poucos escultores teñen a súa capacidade, mesmo a súa facilidade, para levar ao tridimensional esa especie de haikus do paradoxo que son os nomes e historias populares. Menos aínda os que saben radicalizar a súa proposta por defender a súa contemporaneidade.

As reunidas no “antropomórfico” teñen o seu punto de arranque nas súas viaxes a México, no momento en que decide abrir estudio primeiro en Madrid e despois en Nova York, buscando novos diálogos e estímulos. En México sorpréndelle a escultura azteca, as súas formas quebradas, a súa dureza, mesmo a súa natural crueldade. Empeza a formular obras esquemáticas, que reúnen situacións de enfrontamento, de dor: a loita entre o corpo orgánico e o elemento metálico que o atormenta, nos xamoneiros; o corpo roto, quebrado, ao caer sobre unha pedra, caso de Carroña e orixe de esculturas posteriores. Ou a serie de pavitas, que arrinca con Guajolote, que se apoian en tres puntos, nunha solución que lles dá ao tempo dinamismo e estabilidade.

Esculturas en granito, bronce e madeira; maquetas e colaxes dialogan coa monumental arquitectura dos patios, co espazo máxico do panóptico, co formato máis tradicional das galerías, e coas salas perimetrais, de modo que o público perciba os distintos xogos de escala e materiais nos que se desenvolve unha das esculturas máis persoais da arte europea desta época. A mostra, que supuxo un grande esforzo de produción e montaxe, foi posible grazas ao labor de selección no taller do artista, e ao empréstito de obras por parte de institucións e coleccionistas privados.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.