UVIGO
FILLOAS

A Academia de España en Roma enche de arte contemporánea o MARCO

Hoxe inaugurouse no Museo Marco a exposición ‘MARCO. Academia Roma. Processi 148’, que recolle o traballo de 21 artistas que durante o pasado curso residiron na Academia de España en Roma. A mostra forma parte dos actos programados polo vinte aniversario da apertura do museo.

A xeración número 148 da Academia de España en Roma ten desde hoxe o seu espazo nas paredes do Museo Marco. Vinteún artistas maioritariamente mulleres, por primeira vez na historia da academia, expoñen os proxectos que desenvolveron no curso 2020-21 durante a súa residencia no complexo conventual de San Pietro in Montorio, sede da Academia de Roma.

Esta exposición reúne proxectos de moi diversas disciplinas que van desde a pintura ao deseño de moda, pasando polas artes escénicas, fotografía, gravado, videoarte, literatura, música, mediación artística, escultura e gastronomía. É o resultado de meses de traballo, de concepción de ideas retroalimentadas e experiencias compartidas froito do programa anual de bolsas que convoca o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación a través da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que formula unha presentación colectiva destes traballos en Italia e en España.

A mostra pode visitarse no segundo andar do Museo Marco ata o vindeiro 5 de febreiro no horario habitual de apertura da sala, de martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.30. Tódolos días hai visitas guiadas ás 18h.

PROXECTOS QUE COMPOÑEN ‘PROCESSI 148’:

VIDEOARTE

IRENE DE ANDRÉS (Ibiza, 1986)

Después del descanso articúlase a través da análise da evolución do concepto de ocio, tomando como referencia as organizacións dedicadas ao adoutrinamento da clase obreira nas ditaduras europeas do século XX. Baixo Mussolini naceu a primeira organización desta índole, a Opera Nazionale Dopolavoro. Na Alemaña nazi importouse como a Kraft durch Freude [Forza a través da alegría] que, cunha maior inversión, chegou a converterse no turoperador máis grande dos anos trinta.

TXUSPO POYO (Pamplona, 1963)

Gran Hotel Nazareno, el cuerpo se hizo pantalla o las imágenes no caen del cielo, analiza os desprazamentos simbólicos, metafóricos e literais dos gabinetes de Ciencias Naturais, modelo pedagóxico nos colexios de orde relixiosa. Estes gabinetes incorporaban coleccións de minerais, herbarios ou animais disecados… moitos procedentes das misións. O colexio Nazareno, fundado por José Calasanzio en 1630, foi o primeiro colexio público e gratuíto en Europa. Tras case 400 anos de actividade, vendeuse para a súa reconversión nun hotel de luxo.

FOTOGRAFÍA

TONI AMENGUAL (Mallorca, 1980)

ICONA explora como nos relacionamos coas imaxes e como estas nos afectan. A cidade de Roma, atravesada por tres ideas, constitúe o escenario perfecto para esta operación. Palimpsesto: Roma e o ser humano como resultado da suma de capas que o preceden. Panóptico: a visión, ver e ser visto como forma de control. Escenografía: Roma e o seu patrimonio cultural como a construción deliberada do poder para o control social.

MAR SÁEZ (Murcia, 1983)

Terza vita reflexiona sobre as experiencias afectivas da cidade de Roma nun tempo atravesado pola pandemia. Tanto na análise da noción de liberdade coma nos xogos da sedución ou os pactos do amor, Terza Vita estuda un elemento principal desta convivencia activa: a promesa dun futuro. As persoas cuxo testemuño se recolleu revelan a esperanza cara a outra vida; unha vida máis aló da nostalxia dun pasado estable e do shock do presente.

PINTURA

NATIVIDAD BERMEJO (Logroño, 1961)

Cruces y naranjas: a traxectoria dunha moeda lanzada ao aire realiza un percorrido vertical de arriba abaixo, un axis mundi. A cruz e a laranxa poderían ser as dúas caras da moeda. Cara, o pracer de estar vivos, e cruz, o dó pola fraxilidade da existencia. A situación de pandemia intensificou a conciencia destas dúas realidades, que converxen neste proxecto de connotacións simbólicas e formais remitindo ao xénero da vanitas e o carpe diem.

SARA GARCÍA (Xixón, 1983)

El orden nocturno é unha investigación ao redor da hospitalidade e a relación co outro. Alimentos básicos como a fariña ou o arroz son alterados por bacterias, fungos e fermentos dando lugar a novas texturas, cores, olores e sabores. Créase unha orde nocturna que abraza a perda de sentido e propón unha experiencia compartida. Unha das formas máis básicas de cooperación e ritual permítenos acceder a outras formas de coñecemento. A peza actívase durante a cerimonia na que se comparten alimentos.

ÀNGELS VILADOMIU (Barcelona, 1961)

Il viaggio di archivio parte dun feito pouco estudado: os tres meses de estadía de Humboldt en Roma. As “notas romanas” do seu caderno descobren un momento de compendio na súa traxectoria. A partir do que Benjamin denomina “botanizar o asfalto”, constrúese unha “viaxe de arquivo”, un herbario de Flora ruderal: a flora colonizadora de acuedutos, monumentos e ruínas. As máis de cincuenta especies herborizadas, prensadas e indexadas durante abril e maio, corresponden a dous hábitats: o vertical e o horizontal, despregados ao longo da caótica e orgánica topografía romana.

CÓMIC

YEYEI GÓMEZ (Madrid, 1993)

Eppur si muove, una historia sobre la escritora María Teresa León. Con máis de trinta anos no exilio, viviu os últimos catorce en Roma. Alí escribiu Memoria de la melancolía, onde fai visible a súa loita contra a desmemoria progresiva, a da historia e a propia. O traballo de narrativa gráfica pon en valor a súa obra e fala das capas de desmemoria, un esquecemento social que actúa como un patrón insistente, onde unha identidade se constrúe ao tempo que outra se erosiona.

MUSEOLOXÍA. COMISARIADO E MEDIACIÓN ARTÍSTICA

MARAL KEKEJIAN (Madrid, 1977)

URMA, espacio público y paisaje contemporáneo en la ciudad de Roma, despregouse en tres direccións, entre a xestión cultural e o artístico. A primeira investiga sobre o espazo público, o efémero e o patrimonio inmaterial. A segunda trata o contexto de Roma e a Academia, atravesado pola idea do tempo: historia e a tradición, presente pandémico e futuro dunha Roma de ficción. A terceira é práctica: URMA xa presentou cinco accións.

LEIRE VERGARA (Bilbao, 1973)

In qualche luogo lontano: Roma é o título do programa desenvolvido na Academia dentro do proxecto de investigación de Bulegoa z/b Space is the Place/The Place is Space, que ten como obxectivo analizar o papel da arte como práctica crítica que ofrece ferramentas para parar, mirar e situarse no mundo, para xerar situacións e imaxinar modos de vivir e producir espazo. Estruturado a través de encontros periódicos, tomou diversas formas, como presentacións, accións… e a realización dun filme de autoría compartida.

LITERATURA

CRISTINA MORALES (Granada, 1985)

Optar por la luna: Una novela sobre arte y okupación, inicialmente unha indagación con tres espazos okupados da cidade de Roma cuestionadores na teoría e na práctica dos circuítos artísticos e literarios normalizados, convértese, por mor das regras covid, nunha busca de persoas e de pequenos colectivos dispostos a burlar a lei que impón o peche das súas casas e locais.

CARLOS PARDO (Madrid, 1975)

El tonel y la torre de marfil é un ensaio no seu sentido máis caprichoso e primixenio: unha tentativa de orde. Propón unha hipótese de lectura da ficción moderna utilizando como clave unha corrente subterránea do pensamento occidental, a escola cínica. El tonel y la torre de marfil non é un exercicio de arqueoloxía literaria, senón un opus incertum. Un vagabundeo en primeira persoa por algúns lugares críticos do humanismo, extemporáneos e talvez domesticados, en cuxa ambivalencia segue apostándose unha literatura con capacidade subversiva.

CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DE BENS CULTURAIS

VIRGINIA MORANT GISBERT (Alicante, 1987)

Il risveglio dell’archivio fotografico dell’Accademia di Spagna a Roma ten como obxectivo poñer en valor o arquivo fotográfico da Real Academia de España en Roma dende a perspectiva da conservación e a restauración contemporáneas. O proxecto contemplou varias fases: a avaliación, a restauración, o realoxamento e a dixitalización, destinadas a mellorar a preservación futura e posibilitar o acceso. Para levar a cabo a reactivación do arquivo realizáronse diversas accións, presentadas na mostra 148 a xeito de conclusións.

MÚSICA

JAVIER QUISLANT (Bilbao, 1984)

Sinuoso tempo. Ciclo para cuarteto de cuerda desenvolve o “principio compositivo de estratificación do son” a partir de Scelsi, proxectándoo sobre todos os parámetros: altura, duración, timbre, articulación e intensidade; así como sobre a natureza polifónica, posibilidades técnicas e tímbricas dos instrumentos de corda. Recolle a premisa de austeridade do estilo contrapuntístico de Palestrina e de Victoria, así como o seu sentido carácter espiritual. O ciclo trata de recuperar a pureza dunha escoita primitiva, poética e ritual, para alcanzar a semente da comunicación e a linguaxe.

ARTES ESCÉNICAS

MURIEL ROMERO (Murcia, 1972)

Resonancias ocultas é un proxecto coreográfico centrado en fusionar danza e escultura. Mediante técnicas de captura de movemento, machine learning, sonificación interactiva e técnicas de dixitalización, constrúese unha creación coreográfica inspirada en obras mestras da escultura clásica. Como soaría Bernini? A fluidez-rixidez do Apolo e Dafne ou a tensión postural de O rapto de Proserpina? Con tres formatos distintos — cinematográfico, escénico e museístico— establécese unha ponte entre obras mestras da escultura, a intelixencia artificial, a música e a experiencia concreta do corpo.

DESEÑO GRÁFICO

GONZALO GOLPE (Madrid, 1975)

Verba Volant forma parte de La Distancia, unha pescuda sobre a linguaxe visual desenvolvida dende hai tempo e que se formalizou durante a estadía en Roma. Desenvolve unha ficción poética acerca da orixe da linguaxe e a evolución do inglés cara a unha “unilingua”. De Nova York a Babilonia; da linguaxe tratada como unha ciencia a unha pequena táboa cuneiforme que semella escrita por un paxaro; de Chomsky a Darwin; da linguaxe entendida como arma á lingua materna.

GRAVADO

SHIRIN SALEHI (Teherán, Irán, 1982)

El tiempo sin derrota. As fendas nunha fracturada inscrición sobre pedra ou metal, un fresco esborrallado ou un busto danado: todos semellan latexar aínda polo contacto cunha man incisoria, un corpo artesán. Neles treme a esencia da linguaxe: no xesto dunha incisión, un corpo que desaparecerá deixa a súa pegada na materia que talvez non pereza. Por enriba de todos os signos dun tempo, no acto reside un dos xestos fundamentais do humano: o desexo de deixar unha memoria para ollos e mentes que aínda non existen.

GASTRONOMÍA. CREATIVIDADE E INNOVACIÓN DAS TÉCNICAS CULINARIAS.

MIGUEL DE TORRES (Segovia, 1958)

El pan de la Academia de España xorde literalmente do aire da Real Academia de España en Roma, onde fungos panificables durmidos, latentes, esperaban unha masa, o seu alimento, para colonizala. O pan é unión de culturas, é embaixador, é compartir. O pan é sincretismo da cultura mediterránea, e da de España e Italia en particular. O resultado participa de varias técnicas que equilibran o follado cun miolo esponxoso. A través da Taraxacum officinale, colleitada nos xardíns da Academia, incorpora o amaro, o amargo, tan presente na gastronomía italiana.

ESCULTURA

ALÁN CARRASCO (Burgos, 1986)

Come un battito nel cuore: una genealogía visual del movimiento obrero en Italia, é un proxecto que pretende reconstruír un particular século XX italiano, enmarcado entre os magnicidios de Humberto I de Saboia (1900) e Aldo Moro (1978). Durante os anos de chumbo a “tensión” ía xerando desestabilidade e morte, o novo aparato de Estado encargouse de baleirar o significante “obreiro”, desactivando así a capacidade de identificación dun postproletariado que dun día para outro espertou clase media.

ELO VEGA (Huelva, 1967)

De sculptura toma o seu título do tratado de Pomponio Gaurico que en 1504 afirmaba: “Na antiga Roma o pobo imaxinario das estatuas igualaba o das persoas vivas”. Hoy, a ese populus fictus hay que sumar las infinitas imágenes que habitan los media. Contidos no título están os xogos de palabras “deses-cultura” ou “des-golpear”, abrindo unha relectura crítica da escultura, as súas mitoloxías e as súas mutacións na cultura consumista, para identificar veladuras, eufemismos e camuflaxes da violencia milenaria contra a muller, para visualizala, neutralizala, revertela, desfacela.

DESEÑO DE MODA

GADEA BURGAZ (Madrid, 1992)

CAMELIAS NADAL

Sarcófago, un muñeco, la copia y otros cuentos é unha colección téxtil e, ademais, a creación de esculturas como modelos. A proposta pretende reproducilas, en corpos e en partes e, especialmente, os seus movementos. Estes roupaxes deberán poder vestir un corpo humano que se move, baila, quere comodidade, quita e pon o seu traxe, indumentaria, vestimenta, indumento, confección, parte de tea, colección de roupa… Non queda claro.