VIALIA
bannerPicnicSesions

Francisco Castro: “O franquismo é como o aire, está aí pero non se nota”

A última novela de Francisco Castro, Tantos anos de silencio, foi publicada días antes de que se decretase o estado de alarma. Pese aos inconvenientes xerados pola situación, o autor, que estará mañá martes ás 20.00 asinando exemplares na Feira do Libro, amósase moi contento coa acollida que está a ter.  Con esta novela, Castro quere romper o silencio contra o ideoloxía franquista que aínda descansa nas fosas comúns e que zumega a través de partidos políticos como VOX.

Francisco Castro. | Foto de Judit Cendón

Esta é unha historia ficticia pero que podería ser perfectamente real.

A historia que eu conto non é real, pero cando o libro estaba xa publicado, saíu unha noticia dunha muller que acababan de desenterrar do ano 36 e suxeitaba un axóuxere, que tamén podería ser un libro… Toda a brutalidade, toda a represión que se exerceu sobre os republicanos, contra os galeguistas, contra os anarquistas, contra os homosexuais contra todo aquilo que despreza o franquismo pois foi moi similar ao que conto no libro.

Digo unha pero en realidade son dúas historias. Porque aínda que o tema central xira arredor das fosas comúns. Aproveitaches tamén para sacar un tema de plena actualidade como é o machismo e a violencia contra a muller.

Si. Unha das frechas que quero manter a través desta novela é que a violencia sempre é idéntica. Sobre todo a violencia contra a muller, a muller que se empodera. Ben se chame Ana en 1936 ou ben se chame Ánxela no ano 2020. A reacción do patriarcado é o exterminio da muller que decide ser libre.

“Paréceme espantoso que haxa 55 deputados dunha formación política que nega un dos xenocidios máis terribles da historia.”

Como xurdiu a idea de contar esta historia sobre as fosas comúns?

Quen me siga minimamente, saberá que é un tema que me preocupa moitísimo. A Guerra Civil en España non está pechada, a Guerra Civil non rematou. Acaba unha guerra e o que nos contan os manuais é que se instaura a paz. Pero, non é certo. Non hai paz se es Camboia ou España, os países do mundo con máis xente enterrada en fosas comúns sen que o seu propio goberno os busque. Hai un bando que aínda durme nas cunetas, ata que o bando vencedor decida darlle unha morte digna e entregalos aos seus familiares. Escribo por iso e escribo porque me parece gravísimo o que está sucedendo con VOX. Paréceme espantoso que haxa 55 deputados dunha formación política que nega un dos xenocidios máis terribles da historia da humanidade.  

Cres que pode influír que non teñamos pechado este episodio da Guerra Civil en que VOX teña hoxe os deputados que ten?

Evidentemente. Eu vin ao Rei de España facerlle unha homenaxe aos que morreron na segunda Guerra Mundial en Francia. Aínda non vin ao Rei de España homenaxear aos que no ano 36 defendían a legalidade. Claro, terían que facerlle unha homenaxe a republicanos… O problema segue aberto e cando falas destas cousas aparece un político que te di que non hai que remover, que hai que superar as feridas…

Por que cres que costa tanto?

Moi fácil. Porque o franquismo é sociolóxico e o franquismo non morreu. Empezan os cataláns a pedir algo tan simple como dereito ao referendo e mandas a Guardia Civil e é coreada por xente do común que lles canta “a por ellos oe, a por ellos oe”, o franquismo está aí. A idea da sacrosanta unidade da patria está aí, aínda que a xente considere que é outra cousa. Enténdese que se pode exercer a violencia e que non pasa nada se alguén a cuestiona. O franquismo se converteu nunha cuestión sociolóxica i é como aire, está aí, non se nota, pero está aí.

No teu caso é evidente que empregas a literatura para facer pensar ao lector. De feito, un dos personaxes da novela o di, que os libros están para facernos pensar para contribuír a unha sociedade mellor.

Son escritor, son editor e polo tanto unha persoa que cre na cultura. Como tamén pasa co dono do pazo que cre, como cre a República, que o Caciquismo se acaba coa cultura. De feito, cando se produce a revolta fascista que coloca a Franco no poder durante 40 anos o primeiro que fan é cargarse aos mestres. Nnon os mestres sacerdotes, senón os mestres republicanos e cargarse bibliotecas e bibliotecarios, pechar editoriais, controlar periódicos. Pásase a controlar o universo da cultura e a educación que cae nas mans da igrexa que en España sempre foi un grandísimo represor medieval.

“Son unha persoa extremadamente optimista, por iso escribo en galego”

A pesar de que tes esta visión tan negativa sobre a sociedade na que vivimos. Si que tes confianza no futuro e en que se poden cambiar as cousas.

Eu son unha persoa extremadamente optimista, se non o fora non escribiría. E non o faría tampouco en lingua galega, unha lingua minorizada. Na II República houbo todo un movemento que realmente cría que a cultura pode facer máis libre ao conxunto da sociedade. Iso son as antípodas do fascismo. VOX á xente da cultura nos chama ‘titiriteiros’, é como se refiren a nós. Cando resulta que durante o confinamento de non ser polos ‘titiriteiros’, polos escritores, polos músicos, polas actrices e actores a realidade tería sido moito máis dura do que foi.

Publicaches este libro pouco antes de que se decretase o estado de alarma, como influíu iso na promoción do libro?

Freouna en seco. Deume tempo a presentalo en Vigo e en Moaña e o resto de presentacións que estaba previstas xa non se puideron celebrar. Este libro saíu nas catro linguas do estado, é algo que pasa por primeira vez nunha novela para adultas e adultos e tiña que presentarse no St. Jordi catalán, tiñamos que ir a Euskadi, a Madrid, Arxentina… Foi un enfastío, pero tendo en conta o que sufriu moitísimo xente e a cantidade de xente que morreu pois é un problema realmente menor.

Cres que se poderán recuperar parte desas previsións que tiña?

Creo que non, pero tampouco importa. O libro xa leva desde febreiro aí, está tendo unha acollida realmente boa a nivel de crítica, a nivel de público… está esgotándose xa a primeira edición. Agora o importante é que os novos títulos que están saíndo das editoriais teñan o seu espazo e o seu camiño promocional.

Como viviches ti este tempo de confinamento?

REVISTA ABRIL

Vivino con moitísima preocupación a nivel profesional porque para o mundo editorial, para o mundo do libro foi unha traxedia. A nivel persoal con resignación, metinme en casa coa miña nena fixemos moitas galdrumadas e sobremesas e foi moi pracenteiro. E a nivel cidadán diría que con estupefacción porque creo que a clase política española deixa moitísimo que desexar. Paréceme terrorífico que nun momento tan delicado todos os partidos da oposición se dedicasen a machucar o goberno en troques do que fixeron outros gobernos como o portugués ou no Reino Unido, Alemaña… que deixaron a un lado as súas diferenzas políticas e pecharon filas para dar apoio.

Levas catro anos como director de Galaxia, xusto este ano a editorial cumpre 70 anos. Cal é a túa valoración deste tempo sendo o director da editorial máis lonxeva que temos en galego?

A celebración en si, xa é unha milagre. Galicia ten que ser consciente da milagre que significa a editorial Galaxia, unha editorial fundada durante o franquismo máis duro dos anos 50. É unha editorial que nace única e exclusivamente para facer camiño, e aí seguimos 70 anos despois, Galaxia non se move por afán de lucro senón por servir a unha sociedade.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.