Fotografía e música únense no concurso ‘Ao son dun cantar’ do Museo Liste
O museo de etnografía da cidade organiza o XII concurso de fotografía, que nesta edición ten como temática a música. As persoas interesadas poden enviar as súas fotografías ata o 21 de abril.

O Museo Liste de Vigo convoca o XII Concurso de Fotografía co lema “Ao son dun cantar”. Este certame, que se celebra no marco do Día Internacional dos Museos, busca fomentar a creatividade e o coñecemento a través da fotografía, destacando aspectos históricos, artísticos, etnográficos e antropolóxicos. A temática deste ano convida os participantes a captar instantes decisivos relacionados coa música, incluíndo instrumentos, músicos, bailes e outras expresións musicais.
As fotografías presentadas ao concurso serán avaliadas baixo tres criterios principais: estético, técnico e documental. Valorarase a beleza da imaxe, a técnica fotográfica empregada e a capacidade da fotografía para documentar e difundir coñecemento. O xurado estará composto por expertos en fotografía, etnografía e patrimonio, así como membros do padroado da Fundación Liste e persoal do museo. Outorgaranse tres premios: un primeiro premio de 200 euros e dous premios máis que recibirán unha figura conmemorativa. A entrega de premios realizarase o 17 de maio de 2025, coincidindo co Día dás Letras Galegas. O prazo de recepción de obras é do 1 de febreiro ao 21 de abril de 2025.
En canto aos requisitos técnicos, as fotografías deben ser orixinais e inéditas, cun tamaño de 30 x 20 cm, unha resolución mínima de 300 puntos por polgada e en formato JPEG. Non se admitirán fotomontaxes, fotografías asinadas nin con bordos ou marcos. É imprescindible que as fotografías non fosen premiadas previamente e que conserven os datos que permitan verificar a súa data de captura. No caso de que as fotografías inclúan persoas recoñecibles ou lugares onde sexa necesario o permiso, os participantes deberán cumprimentar un formulario de autorización que se pode descargar desde o sitio web do museo. Este formulario deberá ser enviado asinado xunto coas fotografías.
Poden participar no concurso persoas maiores de 18 anos, cun máximo de tres fotografas por participante. As fotografías deben ser enviadas por correo electrónico e no corpo da mensaxe, débense incluír os datos do participante: nome completo, dirección postal, correo electrónico e teléfono de contacto. O correo electrónico para o envío é didactica@museoliste.org, e confirmarase a recepción.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Fotografía e música únense no concurso ‘Ao son dun cantar’ do Museo Liste - 15 Febreiro, 2025
- O festival Sinsal regresa en xullo con cartel sorpresa - 11 Febreiro, 2025
- A festa ‘Tex-Mex’ de Burritos Cabrones - 7 Febreiro, 2025
- Bembrive, o pulmón verde de Vigo que necesita ser protexido - 31 Xaneiro, 2025
- San Brais, sinfonía de viño e tradición - 30 Xaneiro, 2025