REVISTA ABRIL

Recta final para participar no concurso de fotografía do Museo Liste

O 26 de abril remata o prazo para participar no IX Concurso de Fotografía Museo Liste, que cada ano propón unha temática para que os aficionados á fotografía se boten ás rúas cámara en man. Nesta ocasión a protagonista será a fe, concepto abstracto como poucos que admite mil e unha representacións gráficas e interpretacións distintas.

Tumba abandonada nun cemiterio portugués | P. Vázquez

O concurso, organizado co gallo do Día Internacional dos Museos (18 de maio), pretende fomentar o coñecemento e a creatividade a través da práctica da fotografía co fin de destacar variados aspectos históricos, artísticos, etnográficos e antropolóxicos. As fotografías a concurso serán valorada atendendo, principalmente, a criterios estéticos (beleza e sensibilidade), técnicos e documentais (documento gráfico que recolla e difunda coñecemento). O premio para a imaxe gañadora é de 200€ en metálico.

REVISTA ABRIL

A temática deste ano é máis aberta que a de anteriores convocatrorias: “A materialidade da fe”. Manifestacións relixiosas, espirituais, crenzas e fe danse a man para lembrarnos que non todo é tanxible e que pasado e presente se mesturan nun sincretismo de difícil análise que conserva a beleza do acontecido en distintos tempos, estados, lugares,… A fe, o rico mundo de crenzas interiores de cada individuo ou comunidade, adquire unha gran diversidade de representacións. A súa materialización en obxectos, en rituais, en accións, constitúe un campo de estudo antropolóxico tan interesante como inabarcable. O Museo conta na súa exposición permanente cunha que leva o mesmo nome, na que mostra as expresións materiais dunha espiritualidade que combina trazos relixiosos con superstición e que se plasma en exvotos, petos de esmolas, de ánimas, misais, reclinatorios e outras moitas pezas que nos remiten a momentos, rituais e cerimonias tan ancestrais como vixentes.

Dada a complexidade do tema e o seu carácter intimista, desde o Museo pregan o maior respecto á hora de achegarse a estas realidades cando inclúan o fotografado de persoas, cerimonias, etc. Ademais, será de obrigado cumprimento o envío dun formulario firmado conforme a ter obtido con permiso a imaxe de terceiros e asumindo a responsabilidade legal que puidera derivarse da exhibición e/ou publicación desas imaxes.

As imaxes, inéditas, orixinais e realizadas ex professo para o concurso, poden enviarse a didactica@museoliste.org ata o 26 de abril. Poden participar maiores de 18 anos cun número máximo de tres fotografías presentadas por persoa, se ben nunca recaerán dous premios no mesmo participante. Podes consultar as bases completas premendo aquí. Para a rapazada de primaria e a ESO hai aberta a convocatoria do Concurso de Relatos baixo o lema “Heroínas e heroes…os de onte, as de hoxe”, tamén con data límite o 26 deste mes.