CAMELIAS MASCOTAS

Floradeira, xogos florais

Hai trinta anos, nunha pequena aldea galega, os pais de Verónica Souto construíron xunto a casa un invernadoiro dedicado ao cultivo de caraveis. Rodeada de flores e xogando a plantalas, a facer ramiños, coroas e pulseiras, ela medrou sen ser consciente de que este xogo da infancia se convertería en profesión e no seu proxecto de vida: cultivar flores, vivir no campo e compartir coa súa filla e co resto da familia esta aprendizaxe. Agora, tras anos de traballo, Verónica faise cargo de catro quilómetros cadrados de invernadoiro dedicados ao cultivo de variedades de flores de temporada; faino baixo a súa marca persoal: Floradeira.

REVISTA NOVEMBRO

Sempre en Galicia, a marca reivindica as mulleres das aldeas que achegaron aos fogares produtos de calidade: fiandeiras, labregas, leiteiras… Verónica quere seguir tecendo esta rede feminina e facer posible que as flores acabadas de cortar cheguen directamente ás nosas mans ou ás de quen queiramos, porque son moitos e bos os motivos para ter flores na casa ou regalalas, para transmitir con elas o que é difícil de expresar con palabras. Na web (floradeira.es) e nos perfís sociais da marca (@floradeira_) atopamos ramos e cestos de flores secas ou para secar, flores frescas de temporada, bulbos, coroas, sementes ou mesmo ferramentas e xogos para cultivarmos un xardín de noso.

Para aquelas persoas que non queiran vivir nunha casa sen flores, a devandita emprendedora ten a solución: a subscrición floral, grazas á que recibiremos flores a domicilio coa periodicidade que escollamos. Ademais, se queremos aprender máis sobre arte floral e converternos en expertos, Verónica ofrece talleres nos que aprender a deseñar e armar un arranxo floral, presenciais na súa palleira e axiña tamén a través de Internet. Poñamos un toque de aroma e colorido natural na casa ou agasallemos a alguén especial cun ramo que lle alegre o día. Grazas a Floradeira, é posible expresarse a través das flores.

Estela Gómez
Redactora de contidos

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)