CAMELIAS MASCOTAS

Fin do culebrón? O Marisquiño fica en Vigo e celebrarase este ano

Non por esperado deixa de ser noticia: o últimatum de O Marisquiño xorde efecto e acada a financiación necesaria para continuar as próximas edicións na cidade de Vigo. Desta forma, Concello e Deputación non reducirán a inversión como xa anunciaran hai un par de semanas, mentres que a Xunta aumenta nun 70% a súa, chegando aos 200.000€.

Un skater durante a edición do 2019 | U. Soliño

Factor Ulises, empresa organizadora do evento, teno claro: “Ningunha institución salvou O Marisquiño”. Así de directa é a mensaxe que este luns publicou o festival nunha nota de prensa, na que anunciou que este agosto si haberá a XX edición e que permanecerá en Vigo nos próximos anos. Tamén piden “publicamente a todas as institucións que apoian o festival que deixen de lado definitivamente as polémicas políticas que acompañaron ao evento nos últimos anos. O festival, nado e sostido privadamente, non negocia con políticos senón con institucións e ninguén debe tentar erixirse en dono do mesmo”.

No artigo que fixemos cando se anunciou a cancelación e partida do festival, rematabamos con esta frase: “Un festival que a día de hoxe está máis fóra que dentro, aínda que tampouco sabemos se estamos a vivir en directo un tira e afrouxa público entre organización e Concello para aumentar os orzamentos”. Finalmente parece que gañou a batalla O Marisquiño, que si celebrará polo menos esta e outras dúas edicións máis na cidade. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou en rolda de prensa que a edición do 2022 será “a máis importante que se fixo nunca na historia” e que ademais haberá un aumento significativo de inversión pública.

REVISTA NOVEMBRO

A deste ano inevitablemente estará marcada pola pandemia, tal e como recolle Factor Ulises na nota de prensa: “A organización de O Marisquiño era plenamente consciente desde un primeiro momento que a edición de 2021 non ía poder ser como as anteriores, debido á evolución impredicible da pandemia na que nos atopamos. Pero si que elaborara diversos escenarios para celebrar o evento, cumprindo sempre todas as normas técnicas, sanitarias e de seguridade. Estes plans mantéñense e, aínda que confiamos en que poderá haber público nesta edición, todas as posibilidades mantéñense abertas”.

Por tratarse dunha edición reducida, resulta curioso que o evento vaia gozar do maior orzamento da súa historia, cuns 700.000€ de cartos públicos (locais, provinciais e autonómicos). Caballero xustificaba en rolda de prensa esta gambeta financieira dicindo que O Marisquiño viu mermadas notablemente as inversións privadas, polo que o Concello si que pode legalmente chegar ás cifras acordadas antes da pandemia (os famosos 500.000€ que hai dúas semanas non podía pagar) para que o festival poida realizarse. Resulta evidente que Factor Ulises conseguiu o que se propuña co seu anuncio de despedida.

A pesar da boa nova para a cidade, Concello e Xunta continúan a súa particular batalla en torno aos orzamentos. A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, respondía ao organismo local que “o debate non está en quen pon máis ou menos diñeiro, senón en lograr entre todos, que o festival permaneza en Vigo polo ben da cidade. Isto non vai de protagonismos políticos, o alcalde debería deixar este certame á marxe da súa ficticia guerra coa Xunta”. Pola súa banda, Pablo Estévez, Concelleiro de Festas e Participación Cidadá, pídelle á popular que “deixe de tomar o pelo á cidadanía” e que “aumente a súa achega ao festival ata o medio millón de euros, igualando a contía destinada por Concello e Deputación”. Por último, Caballero fixo especial fincapé en que a inversión do Concello e Deputación era libre de IVE, a diferenza da axuda da Xunta, e que nesa cifra non viñan incluídos os gastos de limpeza, seguridade, protección civil, etc.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.