CAMELIAS MASCOTAS

Fillas de Cassandra: un disco, tres sold outs e un premio en só un mes

O dúo vigués Fillas de Cassandra, formado por MaríaSOA e Sara Faro, está a vivir un mes de éxitos. Tras o lanzamento do seu primeiro álbum Acrópole a finais de febreiro, as artistas encheron tres salas e gañaron o premio aRi(t)mar á mellor música galega do ano 2022.

24 de febreiro de 2023 – Publicación de Acrópole

Fillas de Cassandra, o dúo formado polas viguesas MaríaSOA e Sara Faro, publican o seu álbum debut Acrópole. As dúas mozas coñecéronse no verán de 2021 e a finais de ano xa estaban actuando xuntas cunhas poucas composicións propias. En marzo de 2022 a Sala Kominsky acolleu o seu primeiro concerto oficial, e a partir de aí viviron unha grande acollida por parte de público e prensa, especialmente grazas ao tema ‘II. LISÍSTRATA (varre vasoira)’. Esta e outras cancións están recollidas en Acrópole, un álbum conceptual producido por Berto formado por oito relatos actuais que asocian ás figuras de Antígona, Cassandra, Dafne, Eco, Pandora, Syrinx ou Lisístrata. Musicalmente é unha mestura de canción tradicional, electrónica, spoken word e mesmo partes rapeadas ao estilo de Gata Cattana. ‘Eco’ ou ‘Cassandra’ son outras das grandes cancións que contén o álbum.

4 de marzo de 2023 – Presentación do disco na Sala Capitol

A primeira presentación do disco é na compostelá Sala Capitol, un espazo con aforo para 800 persoas. As imaxes falan por si soas: a sala luce como nas grandes citas, o que demostra a expectación levantada por un proxecto con pouco máis dun ano de vida. Unha noite para o recordo para María e Sara, pero aínda quedaban máis por diante.

8 de marzo de 2023 – Concerto na manifestación do 8M

Tras finalizar a manifestación polo Día da Muller na Porta do Sol, Fillas de Cassandra realizan un pequeno concerto sobre o novo escenario da praza. Alí miles de mulleres bailan cos seus ritmos enfeitizantes ao mesmo tempo que moitas descubren o proxecto con maior potencial da música viguesa actual.

13 de marzo de 2023 – Anuncio do concerto en Vigo; voan as entradas

A mediados de marzo anuncian en redes o concerto de presentación de Acrópole en Vigo. Concretamente o día 15 de abril en Mondo Club, unha das salas con maior capacidade de Vigo (arredor de 450 persoas). En escasas horas xa non se poden mercar máis entradas en Ataquilla.com, porque xa non quedan. Outro sold out en tempo récord.

25 de marzo de 2023 – Concerto no EmigraSon (Bruxelas)

Fillas de Cassandra foi un dos cinco proxectos musicais seleccionados para representar a Galicia no festival EmigraSon, un evento organizado por cinco emigrantes galegos en Bruxelas. As entradas para a primeira edición do festival tamén se esfumaron en poucas horas e o ambiente na sala Embassy Room, con capacidade para 200 persoas, foi inmellorable. A súa actuación é un dos momentos cume da noite: unha mestura única de emoción e baile que deixou ao público cos ollos e a boca aberta. A conexión foi verdadeiramente máxica.

Fillas de Cassandra durante a súa actuación no EmigraSon, en Bruxelas | P. Vázquez

29 de marzo de 2023 – Gañan o premio aRi(t)mar

Comentabamos ao principio do texto que ‘II. LISÍSTRATA (varre vasoira)’ foi a canción que situou ás Fillas de Cassandra no mapa. Soaron en Hoy por Hoy de Angels Barceló e soan cada fin de semana na megafonía de Balaídos durante os descansos. O VIII Premio aRi(t)mar recoñeceu a ‘Lisístrata’ como a Mellor Música do Ano en Galicia en 2022 nunha edición que vatiu o récord de participación: 6.792 votos. Este recoñecemento é aínda máis meritorio vendo quen ocupa o resto do podio: SÉS e a dupla Xoel Lopez con Baiuca, artistas con traxectorias longas e exitosas. Segundo a organización, o dúo “segue innovando sen necesidade de abandonar a tradición cultural, reformulando a mensaxe feminista a través dun espazo no que a Grecia Clásica convive coa música electrónica”. Os premios están organizados pola  Escola de Idioma de Santiago.

REVISTA NOVEMBRO

30 de marzo de 2023 – Anuncian a súa participación no Son do Camiño

Unha das moitas citas que terán este verán sera O Son do Camiño en Santiago, un dos festivais máis grandes de Galicia. No Monte do Gozo actuarán o venres 16 de xuño, compartindo xornada con grandes figuras da música urbana e electrónica (Trueno, Alesso, Maluma) e do rock alternativo (The Kooks, Wolfmother).

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.