Fillas de Cassandra: «É o momento da música en galego»
Pódese dicir sen medo que o dúo formado polas viguesas María Soa (n. 1996) e Sara Faro (n. 2001) é un dos últimos fenómenos musicais do país. Fillas de Cassandra acadou moi boa posición conectando coa xuventude en cuestión de meses, cousa que se reflectiu en febreiro no lanzamento do seu primeiro disco, Acrópole. Estas dúas artistas rezuman ilusión e defenden con firmeza os ideais que promulgan con cada verba.
Moita xente xa vos vemos como un ente, pero o vindeiro verán aínda se farán dous anos desde que vos coñecestes. Foi un frechazo?
(Sara) Foi a través dunhas xornadas que organizaba Feminismo Unitario. Eu tocaba a guitarra de xeito autodidacta e acostumaban chamarme tocar nos actos desa plataforma. María xusto acababa de volver de Cartaxena, tamén a chamaron e propúxome tocar un tema xuntas.
(María) Lembro perfectamente a mañá en que quedamos para ensaiar esa canción. Puxémonos a falar e fíxosenos tardísimo; chamáronos para saber onde nos meteramos. Sentímonos cómodas desde o primeiro, era como estar cunha colega e agora temos unha relación moi forte, porque son moi intensas as cousas que vivimos xuntas a nivel artístico, creativo, profesional…
(S) Moito tempo despois dese encontro, decatámonos de que xa coincidiramos antes. Foi en Saiáns, nunha sesión de micros abertos; María subiu ao escenario para tocar no piano o tema Feeling Good, e e eu púxenlle a voz.
Debutastes formalmente actuando na sala Kominsky en marzo do ano pasado. Un ano despois, en menos de 24 horas, esgotastes as entradas para o concerto na sala Mondo. Que pasou neste tempo?
(M) A Kominsky foi a única sala á que chamamos, logo xa nos empezaron a chamar desde os locais. É impresionante, porque viñamos de proxectos individuais cos que tiñamos que chamar a todos os lados para podermos tocar.
(S) A ilusión fixo que nos puxésemos ao choio; sen ter nada gravado, non parabamos de tocar. Vimos que o proxecto podía funcionar.
Fixestes o camiño á inversa da maioría de grupos.
(S) Fomos algo efémero durante un ano. A xente preguntabamos onde podía nos podía escoitar e respondiamos que iso se podería facer escoitarnos no seguinte concerto.
(M) Penso que funcionou tal e como se facía en tempos; se vías algo que che gustaba, bulías para contarllo ás amigas. A emoción foise transmitindo dunhas persoas a outras, iso ten moitísima forza.
E como se vive un crecemento tan meteórico?
(M) É coma un soño. Eu esperei por isto toda a vida. Na sala Capitol de Santiago de Compostela, durante o concerto de presentación do disco, o único que pensaba desde o escenario era en gardalo todo na cabeza para poder lembralo para sempre.
(S) No meu caso, estou levando unha vida dobre; estou instalada no Porto para estudar. Cando vou alí, nada cambiou, pero volvo aquí e practicamente me movo en exclusiva por Fillas de Cassandra. Pero logo tamén conta unha familia e uns amigos cos que todo está coma sempre, iso tamén te ata á terra e está de marabilla.
Cal era a bagaxe musical coa que empezastes?
(M) Eu xusto fixera unha maqueta e acababa de montar a banda para dar algún concerto, pero tiven que pisar o freo porque vin que Fillas de Cassandra estaba que fervía e sentín que me tiña que centrar nisto. Ao primeiro intentei compaxinar ambos os dous proxectos, pero agora nada máis que me presta é achegarlle cousas a Fillas.
(S) Estiven vencellada á música tradicional desde moi pequena grazas a que miña nai me levou a unhas clases de pandeireta que se impartían no meu barrio. Aprendín a tocar a guitarra de maneira autodidacta. Teño formación académica en artes escénicas e agora estudo dirección de escena, outra outra parte que alimenta moito o proxecto de Fillas, pois pretendemos comunicar con outras linguaxes.
Mesturades música tradicional, con electrónica e pop; resúltavos cómodo ese rexistro?
(M) Creo que facemos un tipo de música que nos apetecía escoitar e que, entre comiñas, «non existía». Queríamos mesturar todas as músicas que nos enchen, e iso conectou con moitísima xente. Polo camiño atopamos a Verto, que engadiu a parte electrónica. Xuntar todo iso coa música de raíz tan de noso trasládase en poder bailar e cantar moi forte, en galego, desde unha óptica feminista, que é o que queremos.
E como é traballar con Berto?
(S) É moi guai, pero moi intenso. O estudio teno na casa, entón acabamos convivindo con el durante dous días, sen saír daquel espazo, daquela concentración. Penso que o éxito do disco tamén reside en que nos deixamos guiar moito por intuicións propias e alleas. A parte máis complicada foi desmontar algúns temas. Confiar na creatividade doutras persoas sempre suma, senón acabariamos por facer máis do mesmo.
(M) Penso que o feito de non existir unha amizade previa entre nosoutras posibilitou que puidésemos ceder moito máis; de sermos amigas de toda a vida, seguramente seríamos máis intransixentes, pero aquí temos claro que o proxecto está por riba de todo.
Sendo o feminismo un dos alicerces básicos para vosoutras, como de concienciada vedes a xente do voso tempo?
(S) Eu vivín o gran momento do feminismo a nivel estatal: en 2017, cando sucedeu o caso de La Manada, derivou nunha vaga enorme de rapazas na rúa, e penso que iso me encheu moito o activismo e o discurso. Con todo, agora mesmo non sabería que dicir, porque vivimos coma nunha cámara de eco. En xeral, paréceme que na nosa xeración hai un grande nivel de conciencia feminista, pero está contraposto por unha loita moi forte do bando contrario. Pero iso quere dicir que estamos presentes.
Como neofalantes recoñecidas, en que momento decidistes dar o paso a falar en galego?
(S) O meu caso, coma o de outros moitos neofalantes, foi algo que intentei varias veces. Houbo un primeiro intento frustrado en Salvaterra, onde estiven vivindo, porque eu para a xente de alí era «a viguesa»; alí crían que non me correspondía falar en galego, pensaban que o ía falar mal e que era mellor que non o falase. Ao ano seguinte, xa o fixen drasticamente: decidín que ía falar en galego sempre, independentemente do contexto, non diferenciar entre a casa e os amigos. Para min era moi importante para a parte creativa sentirme segura dentro da lingua, escribindo relatos, poesías e cancións.
(M) Eu fixen un primeiro intento na secundaria e outro no bacharelato, e ningún foi para adiante. Marchei a Estremadura e pegóuseme un acento estremeño que nin imaxinas. Á volta de alí, coincidín con Sara e fun adoptando o galego, pero aínda estou conquistando espazos, aínda hai contextos nos que non o falo. E é algo moi criticado: nalgún vídeo que subimos ás redes saímos dicindo algunha frase en castelán e enseguida xurdiron os comentarios críticos, pero admitímolos. Nosoutras non tivemos a sorte de ser criadas en galego, senón que é algo aprendido, así que agora é natural que se dean estas cousas e non pasa nada.
Os datos de uso do noso idioma entre a xente máis nova son preocupantes. Está a xente da vosa xeración tan desapegada da lingua como parece?
(M) Ningunha das persoas que se nos achega despois dun concerto nos fala en castelán. E é que o da lingua é contaxioso: se a música que escoitas está guai en galego, como non o vas falar?
(S) Estamos vendo bandas de estilos musicais moi diversos empregar o galego, o que conecta con patróns de persoas moi diferentes. Pero si que é certo que a nosa xeración foi privada da lingua galega e iso nótase. A miña nai non lle custa falar en galego porque miña avoa, por moito que intentase falarlle en castelán, non lle saía; pero miña nai crioume a min en castelán. Na nosa xeración non o aprendemos de base, pero ao chegar á adolescencia houbo un sentimento de querer manter a lingua, ou polo menos nos ambientes en que eu me movía.
Pódese dicir que a música en galego está a vivir un bo momento?
(M) Creo que o momento é agora. Normalizarase e virá outra corrente, pero agora é o momento disto. Creando obras en galego combatemos os ataques contra a lingua.
A música tradicional galega está a vivir un momento especialmente bo. Non hai tantos anos que sería impensable que nunha sala de concertos a xente se puxese a bailar folk galego.
(M) Pasounos tocando o tema Varre, vasoira. Nunha esquina da sala, a unha xente deulle o punto e púxose a bailar ao xeito tradicional namentres que do outro lado había outra xente facendo un pogo. Paréceme interesantísimo que exista esta mestura e é moi importante para que a parte máis tradicional reciba luz.
(S) Penso que agora se vai perdendo a vergoña, imos botando fóra os prexuízos que pesaban sobre a música tradicional.
E como vedes o panorama musical vigués?
(S) En Vigo non hai oportunidades para as bandas locais. Non se xeran eventos como poden existir noutras cidades como Santiago ou Pontevedra, lugares onde as bandas que aínda non son recoñecidas poden tocar. Se desde as institucións non se apoia que exista un ambiente cultural, non o vai haber. Por moito que se está loitando desde moitos ámbitos nos que nós nos movemos a prol de fomentar unha escena musical viguesa.
Dos moitos concertos que xa tedes programados, hai algún que vos faga unha ilusión especial?
(M) O festival Revenidas, porque o ano pasado o día en que se estrou Antígona estabamos como espectadoras, vendo un concerto nese festival, e pensamos que oxalá puidésemos tocar alí algún día. Este ano imos tocar ao lado de xente como Ska-P, Zoo ou Sara Hebbe, grupos que formaron parte importante das nosas vidas. Tamén hai algún outro concerto confirmado que nos fai moita ilusión, pero que aínda non se pode desvelar.
E que outros plans tedes á vista?
(M) Eu teño moitas ideas, pero quero telas gardadas porque sei que en canto as saque pola boca e Sara as escoite ou viceversa, ímonos poñer a traballar e agora non temos tempo para iso, e igual cando teñamos tempo pois xa quedaron anticuadas e xa non quereremos facer iso. O plan é postergar o momento da eclosión.
E de hoxe nun ano? Que plans tedes de hoxe nun ano?
(M) Eu agardo que esteamos tocando tamén fóra de Galicia e que coñezamos xente doutras escenas.
(S) Se nos preguntases hai un ano, xamais che diriamos o que está acontecendo, entón o que me gusta é non ter nin idea do que vai pasar e que a vida me volva sorprender.
Tamara Novoa
Editora
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024