REVISTA ABRIL

Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos coa súa obra ‘O lanzador de coitelos’

A Editorial Galaxia anunciou no Día do Libro o fallo do Premio Galaxia de Novela 75 Anos, o cal recaeu en Fernando Castro Paredes pola novela O lanzador de coitelos. Este galardón, dotado con 25.000 euros brutos, é o de maior contía económica en Galicia e forma parte do extenso programa de actividades “Crear Porvir” co que a editorial conmemora os seus 75 anos de historia ao servizo da lingua e cultura galegas.

Marcos Calveiro, Fernando Castro, Xosé Manuel Soutullo e Dolores Vilavedra | P. Vázquez

Xa temos nome propio para este Día do Libro en Galicia: o asturiano Fernando Castro Paredes é o gañador do Premio de Novela 75 Anos coa novela O lanzador de coitelos. Este premio busca recuperar o espírito do galardón outorgado no 25 aniversario da editorial en 1975, que foi gañado por Carlos Casares con Xoguetes para un tempo prohibido. Tal como se sinalou na conferencia de prensa, aquel premio de hai 50 anos simbolizaba a chegada a porto despois dos difíciles anos da ditadura e a apertura a un novo tempo. Agora, en tempos diferentes, Galaxia busca seguir adiante “creando porvir” con ambiciosos proxectos como este premio dotado con 25.000 euros, o de maior contía económica de Galicia.

O xurado desta edición estivo presidido por Dolores Vilavedra, catedrática e conselleira da editorial, e contou con Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia, como secretario. Os demais membros foron Ramón Nicolás, escritor, profesor e crítico literario; Inma Otero, escritora, profesora e crítica literaria, e Tensi Gesteira, xornalista, crítica literaria e colaboradora d’A Movida.

O xurado: Inma Otero, Marcos Calveiro, Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Tensi Gesteira | Cedida

A editorial optou por manter en segredo a composición do xurado ata o momento do fallo para garantir a súa liberdade de lectura e traballo, un feito que foi valorado moi positivamente e que, esperan, marque un precedente nos concursos literarios galegos. Os criterios para a selección dos membros incluíron a profesionalidade, a diversidade xeracional e a pluralidade de puntos de vista críticos. O xurado identificou rapidamente dúas novelas finalistas, algo pouco habitual, decidindo a obra gañadora por maioría.

A obra gañadora, O lanzador de coitelos, foi valorada polo xurado pola súa “elevadísima calidade literaria” e un texto “escrito de forma brillante que nos atrapa nunha atmosfera desacougante”. Aínda que inicialmente apunta a un thriller, a novela “encarreirase cara cuestións complexas” como a memoria individual e colectiva, a liberdade e a identidade nunha sociedade que exerce control, articulándose tamén como un xogo metaliterario e un xogo de máscaras. Tamén destacan a súa sofisticada estrutura, a fronteira entre xéneros, a reflexión sobre temas universais, o uso nada manido de feitos históricos moi coñecidos e a precisión do texto. O xurado definiu a obra como “maquinaria impecable que funciona de principio a fin”. Pola súa parte, o editor Marcos Calveiro incidiu nin primeiro capítulo que “é un auténtico prodixio que engancha ao lector coa súa narración obsesiva do que parece a vida dun asasino profesional, aínda que a novela logo evoluciona cara algo moi distinto”.

O autor, Fernando Castro Paredes, explicou que a novela naceu da idea para unha peza teatral, pero a trama volveuse demasiado complexa para ese formato, o que o levou a escribila como novela. O proceso de escritura do borrador principal levou arredor dun ano, aínda que as ideas viñan de antes. Castro Paredes destacou o “desafío formal” da obra, buscando que un narrador en primeira persoa ofrecese múltiples perspectivas e canles doutras voces, case cunha dimensión empática ou sobrenatural. Este longo monólogo, aínda que narrado por unha soa figura, contén voces moi distintas que responden aos personaxes coas que interactúa.

O autor, que xa conta con catro libros publicados en Galaxia, expresou a súa sorpresa e felicidade pola nova e o “orgullo inmenso” de poder sumarse á nómina de gañadores deste premio histórico, especialmente coincidindo o seu 50 aniversario e co 50 aniversario do premio de Carlos Casares.

A novela O lanzador de coitelos estará dispoñible para o público xeral a partir do 17 de xullo, cando se presentará de xeito oficial no hotel Compostela de Santiago, un lugar elixido simbolicamente por ser onde se celebrou a asemblea fundacional de Editorial Galaxia o 25 de xullo de 1950.

Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia | P. Vázquez

Presentáronse case unha trintena de novelas ao premio, cumprindo os requisitos de extensión mínima e máxima. O obxectivo da editorial con esta convocatoria ambiciosa era dar visibilidade a proxectos literarios de longo alento e complexidade que quizais terían dificultades para ser publicados no mercado galego actual. Tamén se mencionou a outra novela finalista, cualificada de “excelente” e coa seguridade de que atopará o seu camiño á publicación no futuro próximo.

Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) é profesor de Ensino Secundario. Desenvolve unha ampla actividade no eido do teatro escolar e afeccionado como coordinador da agrupación Tuéjele Teatro do IES Fernando Blanco de Cee e membro do grupo Farándula Velutina. Como dramaturgo, foi recoñecido con galardóns como o Premio Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro e o Roberto Vidal Bolaño. Entre as súas obras destacan A derradeira bala (Editorial Galaxia, 2018), Papiroflexia (Editorial Galaxia, 2021), Pallaso, Sincronizadas e Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. No ámbito narrativo, publicou Miss Antropía na colección Costa Oeste de Galaxia e en 2023 foi recoñecido co Premio García Barros por Entomoloxía para misioneiros.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.