REVISTA OUTUBRO

Galaxia publica ‘A malferida’ de Irene Rega, premio Illa Nova 2022

O pasado luns, nun evento celebrado na libraría de El Corte Inglés, presentouse A malferida de Irene Rega Jul, premio Illa Nova 2022. Tamén se abriu a convocatoria para a sétima edición do galardón, dirixido a autores e autoras menores de 35 anos. Podes mercar aquí o libro.

Irene Rega co seu libro na libraría de El Corte Inglés | P. Vázquez

Onte presentouse A malferida de Irene Rega Jul, obra galardoada co Premio Illa Nova 2022. O acto tivo lugar en El Corte Inglés, nunha rolda de prensa na que estiveron acompañando á autora Fuencisla Cid Rodríguez, directora de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

No acto, ademais, fixéronse públicas as bases do Premio Illa Nova 2023, un galardón nado co fin de estimular a creación de autores e autoras menores de 35 anos. Esta nova edición conta coa colaboración e complicidade do Ámbito Cultural El Corte Inglés, que concederá un premio de 3000€ á obra gañadora, ademais dunha escultura simbólica e a publicación do texto pola Editorial Galaxia.

Irene Rega, autora da obra gañadora, destacou que este premio supón “unha lanzadeira para as creadoras mozas, unha forma de que as escritoras e escritores poidan acceder ao panorama literario”. Rega, que é unha gran lectora desde cativa e amante das historias, comezou a escribir as súas primeiras obras con 16 anos. Esta obra busca chamar a atención do público adulto cara unha realidade difícil e de desafortunada actualidade, como é o acoso escolar. Na novela A malferida, a protagonista Mariña sente terror cada vez que vai ao colexio. O seu único desexo é pasar desapercibida, ser invisible aos ollos dos acosadores.

Sobre a autora

Irene Rega Jul (Cervo, 1996) é mestra e está graduada en Educación Primaria. Medrou nun fogar cheo de libros e dende moi pequena inculcáronlle a paixón pola lectura. Comezou a escribir as súas historias aos dezaseis anos e, con elas, a gañar algúns premios. Ao tempo que participaba en distintas antoloxías, ata que en febreiro de 2018 publicou a novela Si me pierdo, tú me encuentras, e en xuño de 2019 a súa continuación, Si me pierdo, búscame. A malferida é a súa primeira novela en galego, coa que gañou o Premio Illa Nova 2022.

Francisco Castro, Irene Rega e Fuencisla Cid durante o acto | P. Vázquez