Fernanda (Ártika): ‘Un teatro privado non pode subsistir cun tercio do aforo’
Fernando Barrio e o seu socio Marcos Alonso fundaron Ártika no 2004, despois de tres décadas de experiencia sobre as táboas coa súa compañía Teatro Avento Producións, célebre polas súas comedias infantís e adaptacións de contos clásicos. O que antano foi unha nave industrial, aínda hoxe rodeada de asteleiros e obradoiros de soldadura, hoxe é un espazo no que asistir a espectáculos de música e teatro ou escapar do ruido na cantina cunha revista na man.

Hai xa seis anos que convertestes unha nave industrial nun teatro afastado do centro da cidade, cal era a vosa motivación?
Ártika é un proxecto familiar. Botábamos en falta programación en Vigo e tamén un sitio no que dar clases, ensaiar e exhibir as pezas da nosa compañía, xa que daquelas era complicado meterse na programación das salas existentes.
Optades habitualmente por facer varios pases dunha mesma obra, por exemplo venres, sábado e domingo. A que se debe este formato?
Adoptamos esta fórmula porque é máis rentable para ambas partes. Negociamos con cada compañía de xeito diferente. Algunhas veñen a caché, especialmente as que chegan a través das redes e outras a través de subvencións, hainas que cobran unha cuota fixa pola finde, e outras un percentaxe da taquilla…
Que botades en falta á hora de plantexarvos retomar a actividade?
Non temos nada claro o protocolo que hai que seguir con respecto ás instalacións, o público ou as compañías que veñen actuar. Ademais está o tema económico. Agora mesmo estanse a decretar as mesmas medidas para sitios privados e públicos e non debería ser así, xa que non temos os mesmos recursos. Por exemplo, a limitación do aforo. Un teatro privado non pode subsistir cun tercio do aforo xa que vivimos case exclusivamente da venda de entradas. Por todo isto, decidimos non abrir aínda a sala.
Tedes previsto cando abriredes?
A nosa sala pertence a Rede de teatros alternativos, de ámbito estatal, na que se está falando de non abrir ata setembro, dando por perdida a tempada de primavera e tendo en conta que normalmente os meses de verán son de baixa actividade. Si intentaremos acoller a algunha compañía en residencia durante estes meses.
Aproveitastes meses para levar a cabo outro tipo de actividades, por exemplo, online?
Non temos pensado saltar ao dixital. Na miña opinión, a maxia do teatro está no directo e non lle atopo sentido a retransmitilo. Ademais de que non temos material de boa calidade para facelo, pois a maioría das obras están gravadas en cámara fixa, coa conseguinte perda de matices e dinamismo. Non critico a quen o está facendo, pois é un xeito máis de achegar o teatro ao público, pero non é o noso. O que si fixemos a través da tecnoloxía foi manter as clases, especialmente a adolescentes., xa que eles mesmos nolo pediron.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A prohibición dos concertos nos chiringuitos golpea aos músicos locais - 10 Xullo, 2026
- Gudini: pratos de restaurante na túa neveira - 19 Xuño, 2026
- A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais - 5 Xuño, 2026
- Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego - 3 Xuño, 2026
- Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade - 29 Maio, 2026

