Falamos con estranxeiros e foráneos que estudan galego na EOI
Aínda que o galego non estea a pasar o seu mellor momento, e máis concretamente na nosa cidade, hai algúns estranxeiros e foráneos que dedican o seu tempo libre a estudar a nosa lingua, xa sexa por motivos laborais ou por pura paixón. Pasámonos pola Escola Oficial de Idiomas para falar con todas estas persoas interesadas en aprender a nosa fala.
Unha estadounidense, un cubano, unha venezolana, unha madrileña, un leonés e dous zamoranos foron as persoas que amablemente nos atenderon para falar un pouco do galego e dos motivos que lles levaron a estudalo na EOI. Algo no que coincidiron varias das persoas consultadas foron no seu gusto pola literatura do vigués Pedro Feijóo, da que destacaron títulos como Os fillos do lume, Os fillos do mar ou Camiñar o Vigo Vello.
O principal motivo que atopamos á hora de estudar galego é a necesidade do Celga para poder presentarse ás oposicións: “non vou mentir e dicir que ese non é o motivo principal. Pero, os pais do meu marido só falan galego e gústame aprender idiomas, é parte da cultura de aquí”, comenta Deina, alumna estadounidense que leva cinco anos aquí e fala un galego moi fluido. Nesa mesma liña, a venezolana Jenny matiza que “ademais de porque me gusta, estudo galego para ter máis opcións de traballo no futuro”.
Almudena, de Zamora, recoñece que lle foi complicado aprender o idioma posto a que no seu entorno “non se falaba galego habitualmente, polo que decidín apuntarme a EOI, na que levo tres anos”. No caso de Eugenio, nacido en Pontevedra pero criado en Zamora desde moi novo, “o necesito para as oposición de Auxiliar de Biblioteca pero tamén quero aprender o idioma dos meus devanceiros, ademais de que me gusta moito ler en galego, máis que en castelán. Cando vou xogar torneos de xadrez a vilas fóra de Vigo só falan en galego e gústame meterme na conversa”.
Tamén existen casos non relacionados coas oposicións, como nos conta Ariel, de Cuba: “levo 24 anos en Vigo e cando rematei a escola para adultos comecei na EOI porque sempre quixen aprender a lingua”. Pola súa parte, o leonés José María, xa prexubilado, comezou os seus estudos fai uns anos para “sentirse mellor cun mesmo”. Sorprende tamén o caso da madrileña Belén, seu razoamento é tan simple como lóxico: “se estou a vivir aquí, o normal é falar e estudar galego. É unha riqueza que tedes aquí e gústame moito”, aínda que lamenta que “en Vigo non se fala moito”.
Entre as principais dificultades de aprender este novo idioma están, segundo eles e elas, o léxico, os pronomes, o cambio dalgunhas palabras respecto ao castelán (por exemplo ‘avogado’), a similitude co portugués no caso das persoas que xa coñecían este idioma ou a diferenza entre o galego normativo e o que se fala na rúa. De Galicia destacan a súa natureza, a amabilidade e hospitalidade da xente a as moitas festas que temos, especialmente no verán.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024