Falamos con David Braña, creador do cómic ‘Lady Enigma’
O pasado mes de febreiro vía a luz en formato físico Lady Enigma, o último cómic do guionista David Braña e da ilustradora Olga Carmona. O escritor catalán leva vivindo na nosa cidade case dúas décadas, e hai anos mesmo localizou aquí unha das súas obras: Dos. Buscando respuestas en Vigo. Falamos con el desta nova publicación e do mundo da banda deseñada en xeral.
A historia de Lady Enigma é ben curiosa. Comezou publicándose de maneira periódica na revista dixital británica Aces Weekly, dirixida polo prestixioso debuxante David Lloyd, famoso entre outras cousas por ser o ilustrador da novela gráfica V de Vendetta. “Estamos moi cómodos con Aces Weekly, dánche total liberdade á hora de crear sempre e cando non sexan historias moi explícitas en canto a violencia ou sexo”, comenta David. En Lady Enigma atoparemos as vivencias de dous irmáns, Sarah e Brian Perkins, no Londres victoriano. El como inspector e ela cos seus poderes paranormais, tentarán resolver uns cantos misterios sen aparente solución.
Tras publicar varios capítulos neste portal, a editorial The Rocketman Project mostrouse interesada no cómic e decidiu traelo a España en formato físico. David destaca e agradece o feito de que respectaran o formato apaisado orixinal, non demasiado común neste tipo de publicacións: “Olga e máis eu estivemos estudando diferentes tipos de adaptación ao formato clásico, como xuntar dúas páxinas nunha soa. Mercedes, a editora, tivo claro desde o comezo que quería respectar o formato e na miña opinión quedou moi ben”.
Polo momento poderemos gozar de seis capítulos, debido a que “entran en xogo os tempos dos que dispoñemos os autores, porque non nos dedicamos só a isto nin só a esta obra”, confesa David. Afortunadamente, tamén nos anuncia que xa falou con Olga e que a idea é continuar despois do verán, primeiro en Aces Weekly e máis adiante, se a editorial está polo labor, con The Rocketman Project. Isto déixanos entrever que vivir do cómic en España non é nada doado: “É practicamente imposible, especialmente como guionista, tanto aquí como fóra. Temos que buscar outros formatos e alternativas para gañarnos a vida, ter sempre varios frontes abertos”. Nese abanico de proxectos atopamos editorias españolas, francesas, italianas e estadounidenses, polo que este 2021 promete ser intenso.
Como acontece con tantos mercados artísticos e culturais, o das viñetas tamén está moi saturado: “Eu creo que non hai suficientes lectores para tanto título”, resume entre risos David. A iso podemos sumarlle o pouco agarre do cómic dixital no noso país e a competencia con outros medios de lecer, como as series ou os videoxogos. Con todo, quixo rematar a entrevista animando á xente a descubrir o mundo do cómic: “Ás veces quedámonos só nos de humor e superheroes, pero hai moitísimo máis. Hai un cómic para cada persoa“. Non sabes por onde empezar? Desde hai uns meses, David recomenda títulos na súa canle de Youtube baixo o nome de Brañareseñas, polo que seguro que hai algún que se adapta aos teus gustos.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024