CAMELIAS MASCOTAS

Falamos co alumnado do IES Coruxo sobre a campaña ‘Aquí tamén se fala’

É posible que nos últimos meses teñas visto uns carteis vermellos nos escaparates de moitos comercios da cidade coa frase Aquí tamén se fala galego. Esta iniciativa cultural e de dinamización lingüística naceu no instituto coruñés IES Rafael Dieste e actualmente xa son máis de 200 centros galegos os que se sumaron a esta campaña. Visitamos o IES Coruxo para falar sobre ela con catro rapaces e rapazas.

Álvaro, Bruno, Irene e Silvia na biblioteca do IES Coruxo | P. Vázquez

Os estudantes de 2º de Bacharelato Álvaro, Bruno, Irene e Silvia sacan un oco nas súas apretadas axendas matinais para atendernos na biblioteca do IES Coruxo, o centro no que estudan. Quedamos con eles para falar da #AquíTaménSeFala, unha campaña de dinamización do galego iniciada na Coruña e que xa se espallou por todo o territorio: “Imos a diferentes comercios e lles propoñemos poñer no escaparate ou nun lugar visible o cartel da campaña, que ten o obxectivo de demostrar que nas cidades tamén se fala galego, malia que moitas veces poida parecer que non”, explica Álvaro.

Na web da campaña explícano deste xeito: “#AquíTaménSeFala pon especial atención á música e á cultura galega realizando gravacións e entrevistas que se divulgan nas redes sociais. Queremos rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego, ou de que no mundo da empresa non se usa, nin nos barrios, nin nas vilas… e para acabar con estas mentiras exercemos como técnicos/as de normalización lingüística”.

O censo de 2021, o último publicado polo Instituto Nacional de Estadística, recollía que arredor do 30% da rapazada menor de 20 anos recoñecía ser incapaz ou ter dificultades para falar e escribir en galego. Unha porcentaxe similar tamén admitía non empregar nunca esta lingua con familia e amizades. “É verdade que hai uns ámbitos nos que non falamos galego. No instituto vese moi pouco entre a xente nova“, admite Irene.

O alumnado de 2º de Bacharelato do IES Coruxo con carteis da campaña | P. Vázquez

Silvia pensa que ás veces isto ten que ver coa presión de encaixar: “Se unha persoa que consideras guai fala en castelán ti tamén tendes a falalo, pero penso que é un erro. Con todo, fóra do instituto ti escolles con quen estar e falar a lingua que ti queiras”. A Bruno sucedeulle algo moi habitual: os seus pais foron educados en galego pero, en cambio, el xa recibiu unha educación en castelán: “Eu practicamente toda a miña infancia, por cuestións de traballo dos meus pais, paseina cos meus avós e foi desenvolvida en galego”. Segundo o INE, case o 60% dos rapaces e rapazas galegas menores de 20 anos teñen o castelán como lingua materna.

A cultura e o entretemento son posiblemente as formas máis atractivas de popularizar o galego entre a xuventude, como xa se demostrou no pasado co Xabarín Club. “Gústame moito a música, tanto en galego como en calquera outra lingua”, di Silvia, e destaca entre as súas artistas favoritas a Son Trío (e á súa cantante Su Garrido Pombo) e Tanxugueiras. A Bruno tíralle máis o rock e admite ser moi fan dos Heredeiros da Crus, e Álvaro é un desas millóns de persoas que non poden quitar da cabeza a ‘Oliveira dos cen anos’ de C. Tangana para o centenario do Celta. Irene considera que é máis difícil coñecer as novidades da música galega que doutros lugares: “Se non a buscas ti non che sae porque é moi pouco publicitada nas redes sociais. Tes que ter a iniciativa para que o algoritmo chos ensine”, di a alumna.

No cinema e nas series Silvia recoñe non consumir moita produción galega, e a falta de dobraxe no noso idioma fai que se decante polo castelán para as obras estranxeiras. En canto á literatura, a maioría de libros galegos descúbreos a través das lecturas obrigatorias do instituto.

Outro factor relevante para a boa acollida do galego entre a mocidade son os creadores de contido: instagramers, youtubers, tiktokers, etc. En Galicia contamos con varios que empregan a nosa lingua no seu día a día e difunden propostas culturais, lingüísticas e humorísticas: Rodri Míguez, Alberto Busto, Esther Estévez, Gabri Fuentes, Daniel Pose… “Está moi ben porque é unha boa forma de darlle visibilidade á música en galego”, di Irene. Bruno coñece varios “que falan galego no seu día a día, como o podcast Todo Mal“.

REVISTA NOVEMBRO

Desde o nacemento da campaña xa son varias os persoeiros que se suman a apoiala: Tanxugueiras, James Rhodes, Pablo Meixe, María Vázquez, Amaia, Tamar Novas, Sés, Ataque Escampe, Aldaolado… Pero o máis sorprendente foi o vídeo do actor, director e poeta Viggo Mortensen.

Tamén os catro principais equipos galegos de fútbol (Celta, Deportivo, Lugo e Racing de Ferrol) sumáronse a esta iniciativa a prol do galego.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.