CAMELIAS MASCOTAS

Facer barrio sen deixar a ninguén atrás

Xaruma | P. Cermeño

Nun recuncho da parroquia de Teis, noutrora barrio popular, atópase unha sorte de oasis social onde a cultura e o coidado da saúde mental van da man dun xeito inusual. Malia estar a uns metros do xesuíta Colexio Apóstol Santiago, trátase dun espazo aconfesional que supón unha excepción na cidade á hora de traballar coa integración das persoas afectadas por este tipo de doenzas, prestándolles tamén atención ás sufridas familias. Chámase Xaruma e, desde que naceu, aspira a ser un axente social dinamizador a nivel municipal. De feito, xa o veñen conseguindo grazas a unha visión edificante: «Pensamos que toda a xente debe ter garantido o dereito a opcións de lecer; de acceder á arte, á cultura e á natureza. O efecto é positivo para as persoas con algún problema de saúde mental e para o barrio que, como toda a cidade, adoece de certa falta de movemento cultural», reflexiona Alba Gómez, coordinadora de formación do espazo.

Facer barrio significa apropiarse, no mellor dos sentidos, dos espazos públicos da rúa e colaborar co resto da veciñanza. Iso é o que se fai a través de diversos obradoiros: de confección téxtil, de creación artística, de horticultura ou mesmo de radio. Con tal vontade transformadora, parece lóxico que as sinerxías vaian xurdindo. Por exemplo, o grupo de teatro que se creou da man do IES de Chapela. «A maiores de todo isto, intentamos movernos todos os sábados a onde haxa ofertas de ocio gratuítas, para vermos concertos, exposición, outros obradoiros ou calquera cousa que nos supoña unha achega nese sentido», destaca Gómez. Pero nesa axenda de actividades culturais hai unha pedra angular que os vencella ao barrio: «Formamos parte dun grupo de colaboración que nos conecta con entidades como Cáritas, Colexio Plurilingüe San José de la Guía, Emaús, Provivenda, etc., que forman parte desta zona da cidade». Cunha simbiose tan ben organizada á marxe dos poderes públicos saen as mellores iniciativas comunitarias.

Xaruma | P. Cermeño

Cómpre non deixar atrás a ninguén que forme parte da veciñanza. De aí que xa levemos 13 edicións da Festiña das Flores, o evento de reivindicación da vida de barrio dentro das grandes cidades galegas por antonomasia; no barrio das Flores, esa praza de Teis que acolle e dá nome a esta celebración anual á altura do mes de maio, florece algo no que as devanditas entidades traballan arreo. «Non temos un enfoque clínico; confiamos no traballo colectivo e cooperativo, o único xeito en que entendemos a integración». Dun xeito natural, o barrio devolve agarimo e contribúe con axuda material que moitas veces non se obtén a nivel institucional. «Todos os comercios do barrio implícanse ata o punto de termos que rexeitar algunhas doazóns». O martes 10, ás 19:30 horas, convócase un acto de protesta fronte ao MARCO, para calquera que queira asistir, por mor do estado precario da atención sanitaria neste campo de traballo.

REVISTA NOVEMBRO
Xaruma | P. Cermeño

Neste mes de reivindicación da saúde mental, e como procura lembrar anualmente a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes), as cifras que se desprenden ao cruzar datos das bases do Instituto Galego de Estatística (IGE), do Instituto Nacional de Estadística (INE) e tamén do último estudo especializado realizado polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), poñen negro sobre branco a diagnose verbo destas doenzas na nosa contorna: Vigo perde un habitante por semana a causa do suicidio. Aínda que non ocupe o espazo que merece na prensa, o tabú, lembran, «non axuda a ninguén». O que resulta transformador é «dar visibilidade á superación», como lembra decote Xosé Ramón Girón, presidente de Feafes. Hai que erradicar o sentimento de culpa, tanto na vítima como na xente que a rodea.

A precariedade, a falta de horizontes, o medo e, por suposto, a soidade, levan ao illamento social, un factor de risco que, sen dúbida, se agravou desde a pandemia de 2020. Parafraseando a Carlos Mañas, escritor vigués recentemente falecido: se a cabeza fai trampas, nada mellor que o apoio mutuo para rachar coa distancia social. Na casa e tamén fóra, na veciñanza.

Javier H. Rodríguez
Redactor