VIALIA
CAMELIAS MASCOTAS

Inaugurada a exposición sobre Palencia, Colmeiro e o surrealismo dos anos trinta

27set(set 27)11:0005xan(xan 5)21:00Inaugurada a exposición sobre Palencia, Colmeiro e o surrealismo dos anos trintaARTE E MUSEOS | De balde(setembro 27) 11:00 - (xaneiro 5) 21:00(GMT+02:00) MARCO

Detalles do eventos

27 setembro 2024 – 5 xaneiro 2025

Galería B3, 1º andar

Comisariado: Carlos López Bernárdez

Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

A profundidade esencial da terra quere referenciar un momento da obra de Benjamín Palencia e Manuel Colmeiro nos anos trinta do pasado século, con ambos os artistas inseridos en prácticas modernizadoras e preocupados pola captación do universo antropolóxico desde unha perspectiva reivindicadora das súas esencias ancestrais. Coinciden na atracción polas culturas que na época eran denominadas “primitivas”, polo popular e pola fascinación etnográfica que se detecta nestes anos.

O impacto do movemento surrealista na obra de Benjamín Palencia e Manuel Colmeiro na década dos trinta –cerna deste proxecto expositivo– é de ben diferente intensidade; porén, ambos partillan, como pano de fondo, semellanzas formais que están no contexto do influxo do surrealismo internacional, movemento convertido nese período nunha linguaxe que atravesa moi diversos horizontes estéticos nun amplo abano territorial e cultural.

Nun primeiro momento, e desde a perspectiva formal, estes puntos de encontro van ser moi afíns á estética surrealista máis recoñecíbel. Realmente, no surrealismo dese momento desenvólvese unha fórmula plástica dominante na cal se pode observar o recurso á disociación de forma e contorna de ecos picassianos; a presenza de imaxes biomórficas que foran ensaiadas anteriormente por Hans Arp, Yves Tanguy, André Masson ou Joan Miró e, en xeral, a utilización de formas elásticas que se converten nunha das características da arte surrealista nos anos trinta, velaí as pinturas e esculturas de Salvador Dalí, Joan Miró, André Masson, Hans Arp, Max Ernst ou as fotografías de André Kertész. O biomorfismo é, de feito, un aspecto da realidade desta altura que excede o límite do puramente artístico.

Palencia e Colmeiro partillan preocupacións, puntos e procesos de evolución con certas analoxías, dentro dunhas propostas creativas fortemente persoais. Viven o seu tempo, en xeral, como unha realidade convulsa e esta percepción vai acompañada dun esforzo actualizador das súas linguaxes plásticas, ligado ao contexto internacional, co surrealismo como un pano de fondo singular.

CATÁLOGO EXPOSICIÓN

Con motivo desta mostra, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, edita unha publicación que inclúe, xunto a información e imaxes das obras en exposición, textos do comisario, Carlos L. Bernárdez, e de Ramón Palencia del Burgo. Ao igual que todas as publicacións do MARCO, o catálogo estará dispoñible para consulta na Biblioteca-Centro de documentación do Museo (1º andar), e na libraría LASAL BOOKS (vestíbulo principal) https://lasalbooks.com/

INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES

Horarios apertura

De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00

Domingos, de 11.00 a 14.30

Programación para escolares

Colabora: Fundación “la Caixa”

A partir do 15 de outubro de 2024

Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00

Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Obradoiros infantís

Colabora: Fundación “la Caixa”

A partir do 19 de outubro de 2024

Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)

Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Máis

Hora

27 setembro, 2024 11:00 - 5 xaneiro, 2025 21:00(GMT+01:00)

Localización

MARCO

Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Rúa do Príncipe, 54, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events