A vía verde énchese de solidariedade por un día grazas a Embárriate Teis

Este xoves 6, de 10:00 da mañá a 18:00 da tarde, unhas pequenas casas de cartón ocuparon un tramo da vía verde, á altura do parque da Riouxa. Trátase dunha exposición efémera titulada Fogares con cor, que forma parte do programa Embárriate Teis 2024: encontros nos patios, desenvolvido pola Fundación da Santa Cruz.

Os viandantes e ciclistas que circularon este xoves pola vía verde pola zona de Teis igual se tropezaron cunha morea de xente e unhas pequenas casiñas de cartón penduradas duns cordeis. Trátase da exposición Fogares con cor, que forma parte do programa Embárriate Teis 2024: encontros nos patios, desenvolvido pola Fundación da Santa Cruz. Decenas de escolares e membros de asociacións visitaron a mostra ao longo da xornada, de 10:00 a 18:00. Esta intervención artística foi realizada desde febreiro ata hoxe polas persoas usuarias desta Fundación, que recibiron a axuda de varias asociacións e colexios de Teis. En total, unhas 600 persoas participaron na elaboración desta mostra efémera, que só estivo dispoñible este xoves 6 de xuño.

Ademais dos 25 usuarios de Santa Cruz, sete centros escolares (CEIP Paraixal, CEP Santa Tegra, CEIP San Salvador, CEIP Vicente Risco, CEIP Frian de Teis, Colexio San José da Guía e CEIP Alexandre Bóveda) e catro entidades do barrio (Xaruma, Alborada, Centro de día Atalaia e Semente Vigo), ademais da aula hospitalaria do Álvaro Cunqueiro,  puxeron o seu gran de area para que isto fose posible. Os obxectivos de Embárriate Teis son reducir o estigma social a través da sensibilización e o coñecemento mutuo e promover a participación e a inclusión social. Os usuarios de Santa Cruz mostráronse moi eomocionados e agradecidos coa rapazada, como no caso de Josema, que recoñeceu que todo aquilo foi feito con “moito agarimo e corazón”.

Disto pode dar boa conta Uxía Guisande, coordinadora deste proxecto de dinamización comunitaria: “Notamos unha evolución persoal moi grande. Ao principio tiñan medo e inseguridade de ir aos colexios, pero ao chegar alí e ver que todo saía ben e que os nenos son adorables, aportoulles moita seguridade, autoestima, mellora nas habilidades sociais e empoderamento“, conta a educadora social. Tamén destaca a importancia de saír da zona de confort e romper un pouco a rutina diaria.

Uxía Guisande, agasallada cunhas flores | P. Vázquez

Uxía adiántanos que en 2025 haberá unha segunda parte, pero polo momento quere centrarse nesta primeira etapa, que se dividiu en dúas actividades nos colexios: contacontos co libro Los invisibles de Tom Percival e manualidades para fabricar todas as casiñas de cartón. Estas construccións e este material fan referencia ás persoas sen fogar que, moitas veces, utilizan este material para protexerse do frío na rúa. 

REVISTA VERAN
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.