Inaugurada a exposición sobre Palencia, Colmeiro e o surrealismo dos anos trinta
Detalles do eventos
27 setembro 2024 – 5 xaneiro 2025 Galería B3, 1º andar Comisariado: Carlos López Bernárdez Produción:
Detalles do eventos
27 setembro 2024 – 5 xaneiro 2025
Galería B3, 1º andar
Comisariado: Carlos López Bernárdez
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
A profundidade esencial da terra quere referenciar un momento da obra de Benjamín Palencia e Manuel Colmeiro nos anos trinta do pasado século, con ambos os artistas inseridos en prácticas modernizadoras e preocupados pola captación do universo antropolóxico desde unha perspectiva reivindicadora das súas esencias ancestrais. Coinciden na atracción polas culturas que na época eran denominadas “primitivas”, polo popular e pola fascinación etnográfica que se detecta nestes anos.
O impacto do movemento surrealista na obra de Benjamín Palencia e Manuel Colmeiro na década dos trinta –cerna deste proxecto expositivo– é de ben diferente intensidade; porén, ambos partillan, como pano de fondo, semellanzas formais que están no contexto do influxo do surrealismo internacional, movemento convertido nese período nunha linguaxe que atravesa moi diversos horizontes estéticos nun amplo abano territorial e cultural.
Nun primeiro momento, e desde a perspectiva formal, estes puntos de encontro van ser moi afíns á estética surrealista máis recoñecíbel. Realmente, no surrealismo dese momento desenvólvese unha fórmula plástica dominante na cal se pode observar o recurso á disociación de forma e contorna de ecos picassianos; a presenza de imaxes biomórficas que foran ensaiadas anteriormente por Hans Arp, Yves Tanguy, André Masson ou Joan Miró e, en xeral, a utilización de formas elásticas que se converten nunha das características da arte surrealista nos anos trinta, velaí as pinturas e esculturas de Salvador Dalí, Joan Miró, André Masson, Hans Arp, Max Ernst ou as fotografías de André Kertész. O biomorfismo é, de feito, un aspecto da realidade desta altura que excede o límite do puramente artístico.
Palencia e Colmeiro partillan preocupacións, puntos e procesos de evolución con certas analoxías, dentro dunhas propostas creativas fortemente persoais. Viven o seu tempo, en xeral, como unha realidade convulsa e esta percepción vai acompañada dun esforzo actualizador das súas linguaxes plásticas, ligado ao contexto internacional, co surrealismo como un pano de fondo singular.
CATÁLOGO EXPOSICIÓN
Con motivo desta mostra, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, edita unha publicación que inclúe, xunto a información e imaxes das obras en exposición, textos do comisario, Carlos L. Bernárdez, e de Ramón Palencia del Burgo. Ao igual que todas as publicacións do MARCO, o catálogo estará dispoñible para consulta na Biblioteca-Centro de documentación do Museo (1º andar), e na libraría LASAL BOOKS (vestíbulo principal) https://lasalbooks.com/
INFORMACIÓN XERAL / DOCUMENTACIÓN / ACTIVIDADES
De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Domingos, de 11.00 a 14.30
Colabora: Fundación “la Caixa”
A partir do 15 de outubro de 2024
Horario: de martes a venres de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís
Colabora: Fundación “la Caixa”
A partir do 19 de outubro de 2024
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.
Máis
Hora
27 setembro, 2024 11:00 - 5 xaneiro, 2025 21:00(GMT+02:00)
Localización
MARCO
Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Rúa do Príncipe, 54, 36202 Vigo, Pontevedra
Séguenos nas redes