CAMELIAS MASCOTAS

Eventeo: arma o sarao

A idea de ter que organizar unha voda desde cero, con todo o que supón, pode botarnos para atrás ao primeiro. Por fortuna, existen persoas como Susana Fernández, unha das responsables de Eventeo, quen se encargan de todo por ti: asesoramento nos trámites, contacto con provedores, decoración, invitacións, plan de ruta, recomendacións sobre recintos, transportes… A experiencia é un grao, e máis nestes casos onde os detalles son vitais.

Casarse é algo moi bonito, niso estamos de acordo, pero só con pensar na de cousas que hai que ter en conta para que o día saia redondo moitos e moitas dubidan en dar o paso. Menos mal que existen unhas persoas coñecidas como wedding planners que se encargan de todos estes trámites por nós. Ou mellor aínda, fan que desfrutemos do proceso de preparar unha voda de primeira división.

Susana Fernández é unha das persoas ao cargo de Eventeo, profesionais en montar saraos desde 2018. O seu labor principal é enfocar a dirección da voda xa desde o nacemento da idea, axilizando e facilitando cada un dos pasos a tomar pola parella. Para isto é moi importante o trato personalizado cos clientes, que despois de tantos meses traballando xuntos xa se poden considerar ata amigos: “Despois de tantas reunións, que en realidade é máis ben irse de cañas, é inevitable que xurda unha relación máis aló do profesional”, comenta. Desas charlas informais saen moitos detalles que non pasan desapercibidos para Susana, quen incorpora pequenas sorpresas o día do casorio para abraiar aos noivos.

Tanto ten se o casamento é máis protocolario ou informal, en familia ou con amigos, un evento íntimo ou unha macrofesta. Eventeo adáptase a todas as necesidades e petos para conseguir que a xornada saia como é debido.“Evitamos que os noivos teñan que entrevistarse cun feixe de fotógrafos ou cunha chea de cáterings. Ofrecemos unha selección máis filtrada segundo as preferencias dos noivos”, resume Susana, quen traballa con numerosos proveedores locais. Tamén destaca a importancia de gozar do proceso dos preparativos para que non sexa unha experiencia agoniante: “Está moi ben coidar esa parte, xa que son meses de traballo e queremos que leven unha lembranza positiva e divertida do percorrido”, engade. Con todo, a parte favorita de Susana, e probablemente de todos os invitados, é a festa: “É cando a xente se solta, polo que nos gusta deixar patente o noso selo”, indica cunha sorriso.

REVISTA NOVEMBRO

De que se encarga exactamente Eventeo? Pois da organización, coordinación e decoración do evento, con todo o que implica: presupostos, proveedores, asesoramento nos trámites, localización, deseño dos espazos e da parte floral, produción dos agasallos, montaxe e desmontaxe da decoración, cronograma do evento e supervisión o propio día da voda… Imaxina ter que facer ti todo esto!

Ademais de nos casamentos, podemos contar con Eventeo para eventos corporativos, inauguracións comerciais, ambientación para sesións de fotos ou para calquera outro acto que queiras que saia perfecto. Xa o dicía Hannibal do Equipo A: “Encántame que os plans saian ben”.

Eventeo. Saraos & Verbenas
Rúa de Velázquez Moreno, 5, baixo
eventeo.es
649 49 10 85
hola@eventeo.es | @eventeo_saraosyverbenas

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.