A mellor comedia chega a Vigo da man de Etiqueta negra
A promotora galega Etiqueta Negra volverá encher os escenarios de Vigo do mellor humor. Cómicos como Ignatius Farray, Juan Amoedo, Canco Rodríguez, Kike Pérez e Santi Rodríguez farán rir ao público vigués este outono.
Ao longo de dúas décadas de traxectoria, a promotora galega Etiqueta Negra levan e traen grandes espectáculos humorísticos para nos facer rir sentados en butacas. Sen ir máis lonxe, este ano programaron uns 400 eventos por todo o Estado. Luis Piedrahita, Berto Romero, Dani Rovira, Ledicia Sola, Eva Soriano ou Javier Veiga están entre a nómina de artistas representados por esta empresa, que tamén organiza o Encuentro Mundial de Humorismo na Coruña, co que conseguiron xuntar 18.000 persoas na edición de 2019.
En Vigo, este outono volven encher de risas o Teatro Afundación. O venres 14, Ignatius Farray chega co espectáculo La comedia salvó mi vida; na hora e tres cuartos que dura esta peza de stand up, o humorista canario conta vivencias e opinións coa fe de que, tarde ou cedo, a risa acabe por chegar. No mesmo teatro de García Barbón, o cómico sevillano Juan Amoedo, artista novel que se fixo famoso con vídeos gravados no seu cuarto, vén disposto a demostrar con que vivimos nun mundo que se sustenta na mentira e que desde ben pequenos somos enganados, predicando co espectáculo Avangelio, o venres 29. Desde Málaga, Canco Rodríguez aterra o venres 23 no teatro da rúa de Policarpo Sanz afirmando que El rock and roll ha muerto; cun enérxico espectáculo dirixido por Víctor Conde, o humorista andaluz fai un percorrido desde as orixes do rock nos Estados Unidos. Xa no mes de novembro, a promotora convídanos a rir sen parar o venres 18 co show de Kike Pérez na coctelería Sinatra e o sábado 26 co Espíritu de Santi Rodríguez no Teatro Afundación.
PROGRAMACIÓN:
14 de outubro – Ignatius Farray ‘La comedia salvó mi vida’
23 de outubro – Canco Rodríguez ‘El rock and roll ha muerto’
29 de outubro – Juan Amoedo ‘Avangelio’
18 de novembro – Kike Pérez
26 de novembro – Santi Rodríguez ‘Espiritu’
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024