REVISTA ABRIL

A curta ‘Para sempre, Malévich’ chega este mes a Vigo

Sete meses despois da súa rodaxe, a curta Para sempre, Málevich xa está lista para iniciar a súa xira de presentación. O filme de Antón Veiga, baseado nun texto do escritor porriñés Diego Giráldez, comezará as proxeccións este xoves 20 no Pub Bumba, no Porriño, unha das localizacións da rodaxe. O xoves 27 chegará a Vigo.

Foto da rodaxe, na que vemos a Diego Giráldez realizando un cameo | Andrea Mariño

En febreiro vos falabamos deste proxecto que tiña todo para funcionar: un elenco de contrastado talento, unha obra literaria detrás recoñecida por crítica e público, un proxecto de sensibilización arredor da diversidade funcional e unha listaxe de certames aos que se presentar (entre eles, o Festival de Cans). Desgrazadamente, marzo botou por terra todo o relativo á distribución do filme, que agora prepara unha pequena xira en formato reducido.

REVISTA ABRIL

O proxecto, que comezou a forxarse en xullo de 2019, buscaba adaptar os textos de Galería de Saldos de Diego Giráldez e converterse ao mesmo tempo na ópera prima dos seus creadores: o director e guionista Antón Veiga e o director de fotografía Mateo Hernández. A obra que por fin se estrea conta con Iria Sobrado como actriz protagonista dunha historia na que a súa personaxe, a galerista de arte Mara, coñece a Berthram, un tratante de arte cego, quen é interpretado polo actor do grupo de teatro da ONCE Valacar, Felipe Cotelo.

A curta consegue, finalmente, chegar a pequenas salas de toda Galicia, adaptada a todos os condicionantes dos novos tempos: salas moito máis reducidas. As estreas dan inicio, como non podía ser doutro xeito, no Porriño o día 20 de agosto no Pub Bumba, un dos escenarios da rodaxe nese xa, afastado febreiro. Tras pasar por Tui, a cinta chegará a Vigo, máis concretamente a La Casa de Arriba, o xoves 27 de agosto.

A continuación deixámosvos co tema orixinal da curta, gravado polo músico vigués Eladio Santos: