CAMELIAS MASCOTAS

Esta semana o Primavera do Cine celebra o seu X aniversario

Hoxe, martes 7, dará comezo a décima edición do Festival Primavera do Cine en Vigo, que proxectará curtametraxes, longametraxes e videoclips ata o vindeiro domingo día 12. O certame, que celebra o seu décimo aniversario, volve como é habitual cunha programación centrada na cinematografía galega e nas cinematografías dos países da lusofonía.

E case sen darnos conta está aquí de novo o Primavera do Cine, o festival de cinema máis lonxevo da cidade. Un década apostando polo cinema galego e lusófono, filosofía que manteñen nesta edición que presentaron onte sen moita antelación. As proxeccións terán lugar en dúas salas: Auditorio do museo MARCO, onde poderanse ver todos os bloques de curtametraxes e Auditorio Municipal do Concello, onde ademáis das curtas os espectadores poderán ver toda a sección oficial de longametraxes.

En total, unha vintena de curtametraxes, seis longametraxes e unha selección de videoclips de vangarda. Todas as proxeccións en horario de tarde e con aforo limitado debido ás restriccións anticovid. O custe das entradas será de 3 euros para os bloques de curtametraxes e 4 euros para as longametraxes. Estas poderán adquirirse na mesma taquilla antes das proxeccións ou de maneira telemática a través da plataforma woutick.

REVISTA NOVEMBRO

A longametraxe que se poderá ver este martes na sesión inaugural do festival, ás 20:00 h., será Ana. Sem Título película brasileira que estivo seleccionada para o festival de Moscova. O máis recente filme da imprescindible cineasta brasileira Lucía Murat combina realidade e ficción para reivindicar a memoria das artistas latinoamericanas desaparecidas durante as diversas dictaduras que aconteceron no Cono Sur.

A sección oficial de longametraxes lusófonas complétase con Suzanne Daveau, dirixida pola cineasta Luisa Homem, unha visión lírica e moi completa da vida dunha muller que destacou polos seus estudos xeográficos en Mozambique e Portugal. E o documental Campo, dirixido por Tiago Hespanha, centrado nos dispares acontecementos acaecidos no día a día dunha base militar. Por outro lado, a sección oficial galega contará con 9 Fugas, a longametraxe do vigués Fon Cortizo que triunfou no Festival de Xixón e está a ter un percorrido internacional. Devolvendo o Golpe, unha historia de boxeo e superación centrada na vida do boxeador marinense Aarón González.Resonancias do pasado, último traballo de Antón Caeiro, cineasta premiado en pasadas edicións do certame, no que a través de imaxes de arquivo e gravacións de voz reconstrúe episodios fundamentais da intrahistoria de Vilagarcía de Arousa.

Este ano, a Mención Honorífica recae no escritor e cineasta Alberte Pagán, referente do Novo Cinema Galego e da cinematografía experimental. A entrega deste premio será o sábado 11 no Auditorio do Concello, nun acto especial e emotivo onde se proxectarán unha selección de traballos nucleares da cinematografía experimental galega dos últimos anos. A maiores haberá tres actividades gratuítas: Proxecto Remolque, Paper Cinético e a Gala de clausura.