CAMELIAS MASCOTAS

Esta fin de semana arranca o primeiro asalto da Reconquista

A festa popular máis importante da cidade, a Reconquista, comeza esta fin de semana coa invasión das tropas Napoleónicas á vila de Vigo e a Reconquistiña. Este ano, por mor da Semana Santa, hai que agardar unha semana máis para a chegada do mercado e da representación principal.

Xeneral francés durante a representación de 2022 | P. Vázquez

Por mor da celebración da Semana Santa (o día 28 de marzo cae en Xoves Santo), este ano a Reconquista divídese en dúas fins de semana separadas por outra de barbeito. Polo tanto, a festa comezará o sábado 23 de marzo coa representación da destitución da corporación municipal e continuará ao día seguinte coa saída do exército napoleónico polo Casco Vello. Este mesmo domingo 24 pola mañá, haberá na praza do Berbés unha demostración de oficios tradicionais ás 11:00 e un obradoiro de baile tradicional ás 11:30. Tras un xantar popular, ás 17:00 é o turno da foliada, na que nos podemos inscribir para participar escribindo a info@cascovellovigo.gal. Esta gran romaría urbana proseguirá en abril, os días 5, 6 e 7. O venres 5 abrirá o popular mercado e o domingo 7 será o día grande, coa tradicional representación na que os vigueses botan aos franceses da vila. 

Os preparativos da Reconquistiña acaparan xa as actividades dos 1.400 alumnos dos 34 colexios de Vigo que o mércores 3 de abril protagonizarán o desfile que encherá a Praza de Compostela e o Casco Vello. Outro dos actos organizados na Reconquista é o concerto que o día 23 de marzo protagonizará na Concatedral a Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo Kv 2211, que pechará o programa con interpretacións co coro de pais, amigos e familiares.

Sábado 23:
-13:00 h na Colexiata – Concerto da Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo Kv 2211
-19:00 h na praza do Berbés – Actuación de Perseidas de Ribeira
-20:00 h na praza do Berbés – Destitución da corporación viguesa
-21:00 h na praza do Berbés – Actuación de Os ferallas da ETEA
-21:45 h na praza do Berbés – Actuación de Vacaloura vermella

Domingo 24:
-11:00 h na praza do Berbés – Demostración de oficios tradicionais
-11:30 h na praza do Berbés – Obradoiro de baile tradicional
-17:00 h na praza do Berbés – Foliada

Mércores 3:
-Pola mañá na praza de Compostela e o Casco Vello – A Reconquistiña

Venres 5:
-Apertura do Mercado da Reconquista e actuacións musicais en diferentes puntos do Casco Vello

Sábado 6:
-Mercado da Reconquista e actuacións musicais en diferentes puntos do Casco Vello

Domingo 7:
-Mercado da Reconquista e actuacións musicais en diferentes puntos do Casco Vello
-18:00 h Porta do Sol e diferentes puntos do Casco Vello – Representación da Reconquista da vila de Vigo

Ademais da programación oficial, outros espazos organizan eventos relacionados coa Reconquista.

REVISTA NOVEMBRO

O cartel oficial deste ano é obra do deseñador local Rubén Suárez, onde se nos mostra a un francés cun chouripán e unha viguesa cunha botella de viño danzando ao son da música. Unha ilustración artesanal que fuxe da habitual belixerancia da celebración, todo o contrario que a imaxe que compartiu a conta de Instagram da Reconquista, realizada cunha intelixencia artificial.

Rubén Suárez xunto coa súa creación | P. Vázquez

En 2019 a Reconquista foi recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional. Esta celebración naceu en 1997 da man da veciñanza do Casco Vello, que vían como o seu barrio estaba degradado e só saía na prensa por cousas malas. “Metéusenos na cacholaque a xente tiña que falar ben do barrio e así xurdiu a idea. O obxectivo está máis que superado, pois é a festa da contorna e, para moita xente, a festa de Vigo”, dixo a esta revista Fiz Axeitos, membro da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo desde hai décadas. A festa foi medrando, pero sempre cos veciños e veciñas como protagonista, tanto da organización do evento como do elenco de actores das representacións.